«Silencio»: Ritmo vertixinoso e intrigante. Crítica de Antonio García Teijeiro

Silencio (2014), 3ª ed

O escritor Antonio García Teijeiro publicou no seu blog unha anotación crítica sobre Silencio, de Fran Alonso.

Silencio, de Fran Alonso, vén sendo a expresión escura, chea de desacougo da sociedade que nos está tocando vivir.
      Unha narración que parte das vivencias dun xornalista galego, incómodo ao poder e castigado por este  marcha a Madrid na busca dun traballo. Unha atmosfera lúgubre, que xa comeza co aluguer dun piso vello e enigmático, envolve todo o relato.
    Silencio (2014), 3ª ed En primeiro lugar, as reaccións dos vellos compañeiros de estudossupoñen unha decepción para o protagonista. Logo, as portas están pechadas para el: chegou moi lonxe en Galicia coas súas denuncias. Dende o principio, cos ruídos e silencios, coas voces difíciles de entender procedentes da vivenda do lado, Fran Alonso intenta (e consegue) introducirnos no misterio, no desacougo do ser humano, espido diante do descoñecido.
Os personaxes que poboan a historia están cheos de limitacións. Sen ningunha dúbida son as nosas limitacións. Sentímonos transportados a un espazo sorprendente que nos inquieta. Exactamente igual que ao protagonista.
     Silencio é unha novela curta, de suspense. De suspense cotián. Está escrita cun estilo directo, moi conciso. Isto fai que haxa na narración un ritmo vertixinoso, intrigante que non concede a máis mínima tregua.
Rematas a lectura bastante desacougado pero feliz de ter lido boa literatura, aínda que o final poida resultar un chisco precipitado.Nada embaza o pracer da lectura deste libro.
Si, boa literatura. Deixádeme poñer Literatura en maíuscula. A estas alturas coidaba eu que o tema da LIX e da súa importancia era algo que non se discutía.
Semella, polo que me contan, que ando algo errado.Que non é así.
     Mágoa que algunhas persoas non gocen da LIX como o fago eu.
     Mágoa que lle sigan a menosprezala, a mirala por riba do ombreiro.
     Mágoa.
     Que pouco se avanza neste eido!
     Síntoo por elas.
     Que lle imos facer!
Antonio García Teijeiro