Literatura Xuvenil


Douche a miña palabra

Xerais, 2021
1ª edición

Como se chega a ser escritora ou escritor? Por que se escribe? Pódese vivir sen ler? Pódese aprender a pensar a través da lectura? As palabras poden proer, picar, denunciar as inxustizas, resultar molestas e incómodas. Tamén poden facernos reaccionar. Os escritores e escritoras pelexan coas palabras, míranlles as patiñas nun microscopio e constrúen historias. Cunha linguaxe comprensible e chea de anécdotas, Fran Alonso cóntanos neste libro inusual cousas sobre a escrita, a literatura ou a lingua e convídanos a reflexionar sobre o superpoder da lectura e a importancia de sentir a chamada das palabras.


Silencio (2014), 3ª ed

Silencio

Editorial Nigra, 1995; Edicións Xerais de Galicia, 2001, 2014
3ª edición

Un xornalista galego duramente castigado polo poder ten que emigrar a Madrid na procura de traballo. Nesa cidade aluga un piso vello e enigmático e, sen querelo, vese envolto nunha situación kafkiana. Da vivenda do lado proceden os estraños ruídos do silencio. A través dunha atmosfera intrigante, Silencio configúrase como unha novela de suspense, suspense que se intensifica de forma vertixinosa para presentarnos unha historia próxima ao misterio e ao desacougo urbano. Con esta novela descubrimos o arrepío que habita no ser humano contemporáneo con só rañar uns centímetros na cotra do cotián, na nosa vida doméstica. Coa súa capacidade habitual para transportarnos aos lugares máis sorprendentes e cun estilo directo, breve e conciso, en Silencio Fran Alonso non deixa lugar para o respiro.

Ebook en Amazon   Amazon


A punta de pistola

A punta de pistola

XII Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia 2012
Edicións Xerais de Galicia, 2012

4ª edición

A punta de pistola ábrese cunha escena de ritmo trepidante: un delincuente de pouca monta, coñecido como O Varas, e a súa muller, Rica, acoden a un Centro de Acollida Familiar para ver os seus fillos, baixo a tutela dos servizos sociais. Unha vez alí, secuéstranos e lévanos a punta de pistola. Así comeza unha frenética fuxida. Ao tempo, outra historia transcorre en paralelo: a dunha camioneira emprendedora, culta e licenciada, que conduce e escribe nun blog. A camioneira, admiradora da vida da fisterrá Celia Rivas, a primeira muller en conducir un camión, en 1932, supón un contrapunto máis intimista á desenfreada fuxida que protagoniza a parella de secuestradores. Moita acción, planos cinematográficos, novas tecnoloxías, o papel da muller e a desestruturación social, familiar e educativa son algúns dos eixos que vertebran esta novela que está baseada nun feito real e logra atrapar os lectores e lectoras.

Ebook en Amazon   Amazon


Poetízate

Poetízate

Antoloxía da poesía galega
Edicións Xerais de Galicia, 2006

17ª edición

A poesía non morde. E, aínda que haxa quen pense o contrario, non é aburrida, romanticona nin difícil. Esta divertida antoloxía poética demostra o contrario. De Rosalía de Castro ás poetas novas, propoñémosche unha viaxe polos poemas máis próximos, divertidos e desenfadados da poesía galega. Poetízate é un libro pensado para as persoas que non están afeitas a ler poesía. ¿Para que? Para cantar, berrar, recitar, rapear, musicar, rebelarse contra o mundo ou só para falar suave na orella. Este é un libro para sentir, gozar e intuír a poesía. Así que, xa o sabes: poetízate. Poetízate –que consta do propio corpus poético, un limiar e unha «visita guiada» a xeito de epílogo– é obra do escritor Fran Alonso e nace coa vocación de levar a poesía ás aulas dun xeito desenfadado e buscando sempre a complicidade e a proximidade co lector ou lectora adolescente. O corpus de Poetízate percorre toda a poesía galega desde Rosalía de Castro até a actualidade e consta de arredor de 200 poemas seleccionados de perto de 80 autoras e autores.


Cartas de amor

Cartas de amor

Edicións Xerais de Galicia, 2006
12ª edición
Traducións: edición en español (Algar, 2008)

As historias deste libro nacen a partir de cartas de amor. Pero non son cartas de amor convencionais. O amor ou o desamor son as desculpas que nos permiten coñecer as dramáticas circunstancias que rodean ás mulleres que as escriben. De feito, os verdadeiros protagonistas das cartas son a pobreza, a guerra, a inmigración, o franquismo, a violencia, a prostitución, a presión social, a integración…E quen escriben as cartas son mulleres que viven circunstancias vitais –persoais ou sociais- moi difíciles, ás que se enfrontan con valentía. Este é un libro contundente pero tenro, un canto á vida e á dignidade.

Ebook en Amazon   Amazon