«Silencio»: Ritmo vertixinoso e intrigante. Crítica de Antonio García Teijeiro
O escritor Antonio García Teijeiro publicou no seu blog unha anotación crítica sobre Silencio, de Fran Alonso.
Silencio, de Fran Alonso, vén sendo a expresión escura, chea de desacougo da sociedade que nos está tocando vivir.Unha narración que parte das vivencias dun xornalista galego, incómodo ao poder e castigado por este marcha a Madrid na busca dun traballo. Unha atmosfera lúgubre, que xa comeza co aluguer dun piso vello e enigmático, envolve todo o relato.En primeiro lugar, as reaccións dos vellos compañeiros de estudossupoñen unha decepción para o protagonista. Logo, as portas están pechadas para el: chegou moi lonxe en Galicia coas súas denuncias. Dende o principio, cos ruídos e silencios, coas voces difíciles de entender procedentes da vivenda do lado, Fran Alonso intenta (e consegue) introducirnos no misterio, no desacougo do ser humano, espido diante do descoñecido.Os personaxes que poboan a historia están cheos de limitacións. Sen ningunha dúbida son as nosas limitacións. Sentímonos transportados a un espazo sorprendente que nos inquieta. Exactamente igual que ao protagonista.Silencio é unha novela curta, de suspense. De suspense cotián. Está escrita cun estilo directo, moi conciso. Isto fai que haxa na narración un ritmo vertixinoso, intrigante que non concede a máis mínima tregua.Rematas a lectura bastante desacougado pero feliz de ter lido boa literatura, aínda que o final poida resultar un chisco precipitado.Nada embaza o pracer da lectura deste libro.Si, boa literatura. Deixádeme poñer Literatura en maíuscula. A estas alturas coidaba eu que o tema da LIX e da súa importancia era algo que non se discutía.Semella, polo que me contan, que ando algo errado.Que non é así.Mágoa que algunhas persoas non gocen da LIX como o fago eu.Mágoa que lle sigan a menosprezala, a mirala por riba do ombreiro.Mágoa.Que pouco se avanza neste eido!Síntoo por elas.Que lle imos facer!Antonio García Teijeiro