Xa non hai obreiros para as tortillas: «Terraza», de Fran Alonso. Crítica de Inma Otero Varela
A web Novas do Eixo Atlántico publicou unha recensión crítica de Inma Otero Varela sobre o libro de poemas Terraza, de Fran Alonso.
Xa non hai obreiros para as tortillas
Moito presta ler a Fran Alonso en pantalla, pero tamén se agradece cheirar os seus versos no papel. Autor de longa traxectoria en soporte convencional e tamén dixital, combina neste momento os seus chíos poéticos en twitter coa recente publicación do poemario que ocupa estas liñas co que volve, non é que o tivese abandonado de todo, á poesía do cotián que aparecía no seu primeiro Persianas, pedramol e outros nervios. O título xa o di todo, polo menos no que atinxe ao marco e ao material literario. O eu lírico apóstase na mesma mesa da mesma terraza no gonzo que abre a porta ao outono. Durante días escribe no seu caderno, para sorpresa de transeúntes, como vai pasando a vida. O coloquialismo do discurso demostra unha vez máis como os bos poetas fan castelos coas palabras de casoupa que sosteñen a meirande parte da nosa existencia. O parrafeo íntimo vai escribindo a socioloxía irrefutable que aniña en cada elemento do diario. A fugacidade dos contidos dos xornais que tentamos espantar a bategadas, as chularías sonoras das motos, as xanelas que dan respiros de mar no cemento, ou as pombas que peteiran nos restos das mesas á beira dos ácaros e dos móbiles, decoran un mosaico humano ollado cun certo pesimismo.
Van desfilando deste xeito chácharas insubstanciais que se nutren dos refugallos cos que se enchen os dispositivos electrónicos, anciáns que só poden tomar o sol se pagan para que os saquen, mozos que falan co vento, veciñas irrecoñecibles ou soidades compartidas que expoñen o seu ánimo “pouco entusiasmado coa vida” (p. 36). Mais percíbense tamén ausencias que din moito, como a dos obreiros parados que, xogando co título do seu segundo poemario publicado hai xa vinte anos, non precisan repoñer forzas en abrigos taberneiros. É case obrigado facer a crónica do que semella rutina irreversible porque “Escribindo poemas / sobre os que me rodean, / síntome como un axente / dos servizos de intelixencia / dun suposto / exército literario.” (p. 48).