Unha obra para perdurar: «Street Poems», de Fran Alonso. Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no Caderno da crítica unha recensión sobre o libro de poemas Street Poems:

Street Poems, de Fran Alonso

«Hai un lugar común na obra literaria de Fran Alonso, que se entretece na súa poesía, na súa prosa e nas páxinas de ensaio ou xornalismo que nos vai deixando e que apunta a aplicar “outra ollada”, singular e única, intransferible tamén, a asuntos que en tantas ocasións están aí e que dese xeito van adquirir unha nova dimensión, converténdose nun sorprendente material literario que se organiza e estrutura de maneira diferente en cada entrega. Algo disto ocorreu en Cidades ou en Terraza, por só citar dous casos.»

»Á súa traxectoria poética engádese estes días Street Poems: unha proposta renovadora, que dialoga intertextualmente con outras pezas como O meu gato é un poeta e  que se sustenta nun proceso de aliaxe entre poesía e ese golpe visual que fornece a chamada “street art”. Procura o autor, deste xeito, un afondamento artístico e multidisciplinar entre fotografía, poesía, graffiti e maquetación, aínda que disto último case nunca se fale malia parecerme un elemento a ter moi en conta para apreciar o exercicio artístico concibido globalmente.

»Di o autor que os versos incorporados a este libro son “algo canallas” e “poderían ser escritos nos muros, rapeados con pintura nas paredes”…, abofé que é así. Velaquí olladas diferentes para unha poesía entendida como “barricada / palabras rebeldes / e fosforescentes” nun rodopío heteroxéneo e sempre sorprendente de deseños e reprodución de graffitis, unha espiral interminable que nos conduce Bouzas a Coia, de Navia a Caminha, de Estrasburgo a Gondomar, de Donostia a Monteferro, de Vilanova da Cerveira á Illa da Madeira, de Candeán a Konstanza…, da man de artistas tan pouco recoñecidos no seu labor e que, dalgún xeito, aquí se poñen en valor.

»Fran Alonso exhibe unha forza poderosa pois, a carón do humor e da ironía, idea diálogos entre elementos que sorprendentemente din cousas que nunca se agardarían. Ao tempo, hai lugar para reflexionar, cun inequívoco ritmo de rap onde a imaxe visionaria, as aliteracións, onomatopeas, anáforas e paralelismos estruturan un discurso que versa sobre asuntos trascendentes como son a liberdade, o medo, a morte ou o paso do tempo. Ilumina, asemade, presenzas que alentan nas tebras, no periférico e marxinal, onde agroma a dor e, por veces, a rebeldía; achégase á escravitude patriarcal, a todo aquilo dominado pola invisibilidade e non esquece, cun gato poeta polo medio, recoñecer voces poéticas que resoan de novo aquí, e con ecos distintos, que van de Pero Meogo a Rosalía de Castro entre outras.

»Talvez o espírito ou alma do libro repouse en dous versos que din “A poesía é a tensión clandestina / dun graffiti que irradia verdades”, talvez non. Por iso convido vivamente a que este libro, destinado a un lectorado novo onde tan faltos estamos de propostas semellantes mais pleno e satisfactorio téñase a idade que se teña, sexa coñecido, lido e se cadra tamén cantado. En Street Poems alumea a forza dos libros que han perdurar.

Ramón Nicolás