Unha lectura amena, suxestiva e con sorpresas: «Contos nerviosos». Crítica radiofónica de Chus Nogueira na Radio Galega

Contos-nerviosos-pequenaO Diario Cultural da Radio Galega emitiu unha opinión crítica de Chus Nogueira sobre o libro de literatura infantil Contos nerviosos, de Fran Alonso (Embora, 2016), ilustrado por Dani Padrón.
Para a profesora e crítica literaria Chus Nogueira, o libro mostra unha clara vontade de abordar temas actuais dentro da traxectoria diversa e ampla de Fran Alonso dentro do ámbito literario. As temáticas que o libro aborda –sinala– teñen que ver coa liberdade, coa identidade, coa diferenza, coa realidade virtual… E coa imaxinación. A imaxinación, en Contos nerviosos, dá lugar a «un mundo con regras propias, con autonomía, con elementos que funcionan independentemente da lóxica, pero tamén está presente nas decisións e ocorrencias dos personaxes; nese sentido a imaxinación constitúe unha oposición á realidade urbana e comporta crítica social».

Para Chus Nogueira, os personaxes «que sempre son nenos, están construídos con singularidade e en todos os contos hai nervio, hai situacións imprevistas, non agardadas». Finalmente, sinala que se trata dunha lectura «amena, suxestiva e con algunha sorpresa que vou desvelar pero que xoga co tema da metaliteratura, da creación, do estatus do personaxe».