Un macrotexto que se prolonga en papel, dixital, Twiter e códigos QR: «Terraza», de Fran Alonso. Crítica de Francisco Martínez Bouzas
O crítico Francisco Martínez Bouzas publicou en El Correo Gallego unha recensión que tamén reproduce no seu blog sobre o libro de poemas Terraza, de Fran Alonso, que se presenta o próximo xoves 30 na libraría Chan da Pólvora en Santiago de Compostela (Rúa San Pedro) ás 20.00 horas.
Desde a terraza
Ollar a vida desde a terraza. Eis a sustancia e o vórtice textual de Terraza, o último poemario de Fran Alonso, autor dunha obra importante tanto en narrativa como en poesía. Un macrotexto no que o escritor vigués se mergulla de cheo nas pucharcas máis desacougantes das sociedades urbanas contemporáneas, para amosarnos a penuria infinita e polimorfa das súas paranoias, miserias, soidades ou escravitudes. Un macrotexto que se prolonga arestora en soportes de sempre, en libros de papel e tamén no dixital, no twiter ou anexando códigos QR.
A voz poética do seu último poemario, desde a mesa da terraza dun bar, contempla o andar da vida cotiá. Convértese así a terraza nun periscopio privilexiado desde o que o falante lírico, o home do caderno, fai de cronista do que contemplan os seus ollos -un axente dos servizos de intelixencia dun exército literario-, testemuña do cotián: dos grandes desexos e das pequenas satisfaccións; dos “desenganos con sabor mentolado”, da impudicia dos cus narcisos que montan nas motos que corren cara a ningures. Homes solitarios; a espreita indisimulada dun vello; coidadoras de ocasos; adolescentes escravos das teclas dos seus móbiles “como se fosen os fíos das súas vidas”; mulleres con expresión de fastío, xubilados que non saben que facer. Non falta ao reclamo da terraza a vida animal: as pombas teimosas e afoutas, os ácaros nos seus paseos parasitarios, os pardais algareiros, a insufrible contumacia das moscas. No entanto, non acuden as vítimas da crise, os parados. Eles e elas son xente sen terraza.
Poesía realista, da experiencia, mais non itimista. O poeta conta, describe, interpreta, non canta. Con sobriedade e ironía por veces e cunha linguaxe que tende ao coloquialismo. Versos libres, alleos aos vestiarios convencionais, mais sen renunciar á forma, ao ritmo interior ou de significado nos seus múltiples niveis: ideas, tonalidades, imaxes de forte dinamismo expresivo. Metáforas moi suxestivas e orixinais e algunha afortunada instrumentación fonética (“lentes de lenta lentura”, p. 62). Poemas trasidos de expresividade que decorren o veo da realidade, falándonos sinxelamente da vida engastada no tempo que tamén é o que axexan os ollos curiosos desde unha terraza.