Un libro onde o inesperado e o sorprendente, con certo arrecendo a non-sense e moita ironía, redondean unha obra moi recomendable

O suplemento Fugas de La Voz de Galicia publicou unha recensión crítica de Ramón Nicolás sobre Contos nerviosos, ilustrado por Dani Padrón e publicado pola editorial Embora. (A foto do autor é de M. Moralejo).

 

Relatos con nervio

Fran Alonso volve transitar polos camiños da narrativa ofrecendo un libro onde o inesperado e o sorprendente, con certo arrecendo a non-sense e moita ironía, redondean unha obra moi recomendable para todas as idades

Contos-nerviosos-pequenaFran Alonso, galardoado con merecemento hai poucos días na I Gala do Libro Galego por @Poética.gal, que é unha espléndida proposta que se interna no universo da poesía dixital e transmedia e da que me permito recomendar a súa visita se non se fixo xa, ofrece arestora un monllo de relatos baixo o título de Contos nerviosos: unha peza textual breve e gorentosa que, particularmente, me fai lembrar o dominio espléndido deste xénero do escritor vigués, xa testemuñado en anteriores libros seus ou mesmo na estrutura compositiva que domina Ninguén ou Males de cabeza.

Non perde de vista Fran Alonso, e entendo isto como un factor vivificante da súa escrita, a axilidade narrativa, o peso determinante da oralidade, a frescura do seu impulso creativo nin a capacidade que atesoura para sorprendernos. Talvez sexa así porque o autor, afortunadamente, aposta sempre por ampliar horizontes e, se cadra, tras afortalar a súa presenza nos últimos tempos no ámbito da literatura infantil e xuvenil, idea unha proposta que se sitúa á mantenta nesa fronteira que posibilita diferentes niveis de lectura, e teño para min que todos gratificantes e unidos por esa vontade de tratar a quen se asoma a esas páxinas, teña a idade que teña, como alguén intelixente que é quen de tirar as súas propias conclusións. Nenas e nenos, iso si, protagonizan estes relatos onde, a carón do divertimento, non falta a ollada cómplice e fantástica cando é preciso, nin tampouco aqueloutra que, co silencio elocuente da voz narrativa, deixa que os protagonistas falen e que se retraten a si mesmos, incardinados en mundos onde o absurdo, entretecido no medio do cotián, se converte en algo tanxible e desacougante. Talvez sexa rendible preguntarse as razóns que explican este efecto ou, se cadra, é mellor deixalo e gozar deste marabilloso libro.

Ramón Nicolás

 

CriticaFugasRNicolas