«Silencio»: entre Kafka e o novo xornalismo. Crítica de M. Rodríguez Alonso
Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog unha recensión crítica sobre Silencio, de Fran Alonso.
Entre Kafka e o novo xornalismo
Case vinte anos despois da primeira edición de Silencio (1995), ofrécesenos agora esta nova edición nunha colección dirixida a un público xuvenil. Pasados os anos, esta novela curta segue a conservar a súa frescura por esa axeitada combinación entre as técnicas do novo xornalismo (o xornalista perseguido polo poder á procura dun novo traballo) e a atmosfera kakfiana deses misteriosos e estraños rapaces clónicos, cun pai non menos raro, que penetran na vida cotiá do narrador-protagonista.
O primeiro acerto da novela é o espazo onde esta transcorre, ese piso no centro de Madrid onde convive un certo aire de mansión gótica e claustrofóbica coa modernidade do wi-fi. Por outra banda, nas primeiras páxinas créanse no lector unhas expectativas que pouco teñen que ver co que será o miolo fantástico e kafkiano do relato. En principio, o lector coida que se vai atopar cunha novela que terá por tema as angustias profesionais dun xornalista de investigación perseguido polo poder político-económico, na liña do chamado novo xornalismo ou novela-reportaxe. Mais todo xira dun xeito insólito, pois este xornalista protagonista-narrador vese envolto nunha kakfiana historia de nenos estraños dirixidos por un pai aínda máis raro.
Aos poucos, e nunha acertada gradación, o protagonista narrador vai abandonando o mundo exterior da procura dun novo traballo como xornalista para quedar apresado nese tétrico edificio dominado polo ruído dun antigo ascensor e pola presenza de innumerables cascudas, así como polos sons que proveñen do piso onde habitan os misteriosos rapaces clónicos. Rematará por perder todo contacto co exterior e vivir obsesionado por saber quen son e que fan ese misterioso pai e os rapaces, todos idénticos, que se alimentan de insólitos manxares como miolos de rato, cremas de moscas ou de cascudas.
Por outra banda, o narrador suxire que posiblemente o que el ve de estraño neses rapaces ou mesmo oe ou cre oír pode ser todo froito da súa obsesión enfermiza por descubrir a vida duns veciños que, simplemente, se apartan do convencional. Para non ser menos, o desenlace tamén deixa totalmente desconcertado o lector e mesmo podería ser o comezo dunha nova historia, a da investigación sobre o neno morto, sempre que este neno morto non sexa unha paranoia ou visión esquizoide do protagonista-narrador.
Xa que logo, novela curta perfectamente conseguida con esta mestura de realidade, mesmo novela reportaxe, e fantasía nun ambiente kafkiano e de pesadelo surrealista. Por veces a lectura arrepía o lector, especiamente no desenlace, que non é tal, senón que, como dixemos, podería ser comezo para unha nova historia de investigación. Case vinte anos despois da súa primeira edición este relato conserva a súa frescura, como xa indicamos no comezo. Publícase agora nunha colección xuvenil, mais é unha lectura para público de calquera idade. O formato do libro, así como o prezo reducido que ten, fai que aconsellemos a súa merca para lelo nestes días das vacacións do verán nos momentos de lecer na praia ou no interior, nesas horas que preceden ao repouso, como despois de xantar, cando quedamos na casa á fresca ou á sombra dunha árbore ou baixo o parasol da praia.