Reinvención permanente non só da obra, senón tamén do propio autor: «Terraza», de Fran Alonso, atalaia e épica do cotiá. Crítica de Ramón Rozas no Diario de Pontevedra

O xornalista Ramón Rozas publicou no Diario de Pontevedra unha recensión crítica, que tamén recolle no seu blog, sobre o libro de poemas Terraza, de Fran Alonso. A recensión crítica pode lerse ou descargarse en pdf nesta ligazón.

 

A terraza como verso

POESÍA. O novo poemario de Fran Alonso fai da vida xérmolo de poesía, e do cotiá inspiración para medrar nunha poesía da experiencia, do calibrado ao longo de moitas horas nunha terraza pousando a mirada entre pombas e seres humanos, especies que fan das nosas vilas uns muestrarios dunha realidade ordinaria, a miúdo desprezada.

TerrrazaDe xeito constante Fran Alonso experimenta coa escrita dende diferentes vieiros: narrativa, literatura infantil ou poesía deixan ante nós a un cobizoso autor que se refuxia na literatura como xeito de reconciliarse co mundo, algo que, como vemos e sufrimos, cada vez é máis complexo. Dende cada un deses camiños escollidos polo autor, e de xeito invariable, Fran Alonso incide en buscar un novo xiro, en facer algo ao que non estaba acostumado. Un xeito de reinvención permanente non só da obra, senón tamén do propio autor. Nesta ocasión é a quenda da poesía, xénero no que Fran Alonso estase impoñendo como un pioneiro, como unha sorte de forasteiro posuidor daquel carácter de explorador dos antigos vaqueiros do Oeste ao adentrarse por térreos pouco ou nada percorridos. Así ven facendo dende hai un tempo no indómito territorio das redes sociais, dende esa paisaxe que algúns aborrecen pero que Fran Alonso, tirando de olfacto, sabe que se lle pode sacar moito, sobre todo polo que ten de ligazón con novas xeracións que para nada teñen que ser alleas a sensibilidades literarias. Ese Estado de malestar baixo o que cada día escribe un poema en twitter ten moito desa reconciliación diaria coa vida, pero tamén de resistencia, a mostra de que a vida aí fóra non ten nada de sinxelo e quizais só enfrontándonos a ela podemos ser quen de mudala.

Agora tócalle ao papel, algo que curiosamente, e polas derivas case náufragas da edición no noso tempo, e aínda máis en Galicia, xunto ao espírito fuxidío do que nos rodea, cada vez semella ser algo máis transgresor escribir en papel ou poñer o prelo a funcionar. Fran Alonso preséntanos así Terraza, na súa casa de Xerais, e, se percorremos o seu interior, vemos, de novo, a radicalidade do seu discurso, e non o digo polos códigos QR que balizan as súas poesías, senón por facer algo tan rachón como sentarse nunha cadeira a ver pasala vida. Iso si que é moderno, iso si que é ‘cool’, se me permiten a contaminación. Que pouco o facemos, coas nosas cabezas metidas en pantallas, alleos á nosa contorna, afastados dunha realidade da que formamos parte e á que renunciamos dun xeito covarde, axudados por unha sociedade que cada vez máis evita as relacións sociais.

Fran Alonso fai atalaia da terraza, dese espazo das nosas cidades no que poder asexar a outras persoas, dende a que relacionarmos coa cidade dun xeito directo, pero que moitas veces desprezamos por ese sentido do día a día. Pero o poeta, se algo é quen de facer, é de mirar ao mundo doutra maneira, de interpretar a realidade dun xeito inesperado e que logo, convertido en verso, acada unha nova e abraiante dimensión. Deixen aos poetas explicar o mundo! berro dende estas liñas tras ler a nomes como Manuel Vilas que explican o triunfo de Donald Trump en base a unha formulación poética da sociedade americana ou Karmelo C. Iribarren  que na súa antoloxía ‘Pequeños incidentes’, amosa ese achegamento do poético dende aquilo que nos semella intrascendente polos nosos hábitos e do que só escritos como os deles ou de Fran Alonso poden converter en eternos.

Esa épica do cotiá é a que sustenta este poemario polo que desfilan xentes do máis variado e animais tamén do máis estraño. Realidade e imaxinación que cohabitan en cada un deses escenarios que ao final son un só. A terraza dende a que Fran Alonso escribe os seus poemas, como un bicho raro entre xente que toma cafés e mira con certa sospeita a un home que manexa un bolígrafo. Xentes que conversan entre si, xentes que viaxan en autobús ou que se moven en motos. O hábitat da terraza como laboratorio humano, como faísca dunha sociedade chea de seres singulares que o poeta converte en heroes por uns intres, en protagonistas dunhas narracións que reflicten vidas aparentemente ordinarias pero que ao pousarse nun papel, ao tomar carta de recitativo, quedan xa para sempre fixas. Os móbiles, os xornais, o paso do tempo, as miradas, os baleiros, os desexos, a ironía… todo iso ten cabida nese momento no que un fai do acougo pensamento, para deterse uns minutos fronte a esta tolemia na que nos vemos envoltos, azorrados polo peso que esta sociedad nos pon sobre as costas e do que tanto custa afastarse. A poesía xorde, polo tanto, case como terapia, como fuxida cara onde manda o verso, e este tanto entende da idílica natureza como da urbe na que nos movemos, na que sentimos de xeito real o devir da vida e na que tantas terrazas precisamos para poder ollar en fite non tanto á beirarrúa como a nós mesmos.

Ramón Rozas