Publícase «Un rato díxolle á lúa», unha antoloxía poética de Antonio García Teijeiro feita por Fran Alonso



A antoloxía poética Un rato díxolle á lúa, acaba de ver a luz. Esta antoloxía, que percorre e selecciona a poesía infantil de Antonio García Teijeiro, foi preparada polo escritor Fran Alonso e presentouse o martes 28 de maio ás 20:00 horas na Casa do Libro de Vigo nun acto que contou coa presenza do editor Manuel Bragado, do poeta Román Raña, do ilutrador Xosé Cobas, o cantautor Paco Ibañez, de Fran Alonso e o propio Antonio García Teijeiro. 


Un rato díxolle á lúa é unha antoloxía da poesía de Antonio García Teijeiro feita por Fran Alonso e ilustrada por Xosé Cobas. Vai acompañada dun CD de Paco Ibáñez no que se presentan algúns poemas musicados do libro musicados polo cantautor.
Un rato díxolle á lúa é unha especie de «caixa dos tesouros da poesía de Antonio García Teijeiro». Un rato díxolle á lúa espreme, antologados por Fran Alonso, eses 25 anos de poesía infantil. «Simpáticos, fermosos, divertidos, sensibles, punzantes, libres, salgados, máxicos, outonizos, perennes», estes poemas transmiten emoción, beleza e solidariedade. Ilustrada por Xosé Cobas e musicada por Paco Ibáñez (nun CD que se acompaña), a poesía de Antonio García Teijeiro agroma cunha enorme forza natural, chea de vida, de luz e de musicalidade.


Dentro dela gárdase a esencia dos seus versos, a apócema máxica coa que, en palabras de Fran Alonso, «a lúa imprimiu neles un sabor antigo, un sabor de berce, un sabor sincero que se nos mete dentro». García Teijeiro atesoura no seu haber 25 anos escribindo poesía infantil. Desde a publicación de Nenos (1988), os seus versos enredan nos beizos dos lectores e lectoras, «divertidos, lúdicos, pero tamén facéndonos sentir, e pensar, turrando de nós cos seus ventos de ideas e emocións brincadeiras». 

O texto da intervención de Fran Alonso na presentación pode lerse en Versos e aloumiños, o blog de Antonio García Teijeiro, ou no blog de Edicións Xerais de Galicia