«Poétic@», o libro de poesía electrónica de Fran Alonso, recibe o Premio Gala do Libro Galego ao mellor proxecto literario na rede

Poétic@, o libro de poesía electrónica de Fran Alonso, publicado o pasado ano 2015, recibiu onte sábado en Santiago de Compostela o Premio Gala do Libro Galego ao mellor proxecto literario na rede. O xurado, composto por Irene Penas, Pilar Sampedro, Gracia Santórum, Mercedes Queixas, Pilar Rodríguez, Ramón Nicolás e Ana María Guerra, destacou  «a innovación da proposta, que eleva á rede un proxecto literario poético único á procura da permanente construción renovadora». Poétic@ é un libro transmedia, interactivo e hipertextual, de acceso libre, co que o seu autor quixo dar un paso adiante decisivo na aposta por unha literatura electrónica en galego. A gala, que foi convocada conxuntamente pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, a Federación de Librerías de Galicia e a Asociación Galega de Editores, tivo lugar no Teatro Principal de Compostela e durante o seu transcurso fixéronse públicos os premios entre os finalistas, previamente elixidos por votación dos tres gremios do libro galego. Máis abaixo reprodúcese o discurso de Fran Alonso prounicado durante a entrega do premio.

Os libros gañadores nas outras categorías foron os seguintes: a asociación Espazo Lectura, na categoría de Iniciativa Cultural ou Fomento da Lectura; Poesía Hexágono. Ollada e experiencia. Proposta e resposta nas aulas, de varios autores/as, na categoría de Ensaio; Mocidad, de Joseph Conrad, traducido por Alejandro Tobar, na categoría de Tradución; O meu pesadelo favorito, de María Solar, na categoría de Literatura Infantil e Xuvenil; Lendo lendas, digo versos, de Antonio G. Teijeiro e Antonio Reigosa, na categoría de Iniciativa Bibliográfica; Cadros Cadros dunha exposición. Modest Mussorgsky, ilustrado por Xosé Cobas, na categoría de Libro Ilustrado; Xogando con gatos, de Antón Cortizas, na categoría de Teatro; o xornal Sermos Galiza, na categoría de Xornalismo Cultural e a novela O último día de Terranova, de Manuel Rivas, na categoría de Narrativa. Os premios honoríficos foron concedidos á Libraría Pedreira, á editorial Laiovento e ao escritor catalán Pere Gimferrer.

Discurso de Fran Alonso pronunciado na entrega do Premio Gala do Libro Galego na categoría de Mellor proxecto literario na rede

Boa tarde:

En primeiro lugar quixera facer público o meu recoñecemento para os blogs de crítica literaria de Ramón Nicolás e Armando Requeixo, dúas valiosas ferramentas web que xogan un papel novo e activo no sistema literario galego. Grazas tamén ao xurado e aos tres gremios do ámbito do libro galego, que entenderon que o camiño, xuntos, é máis doado de desbrozar. Parabéns.

 Poétic@ é un libro de poemas. E tamén, naturalmente, un libro de literatura electrónica, transmedia, interactiva e hipertextual. Iso quere dicir que o soporte de Poétic@ é Internet, o que é posible grazas ás novas tecnoloxías da comunicación.

Eu creo que se queremos que o futuro estea ao servizo da humanidade temos que conquistar a tecnoloxía desde a cultura e desde a literatura para imprimirlle as cicatrices da razón, da reflexión, da liberdade e da construción crítica. Se a tecnoloxía queda só a mercede dos poderes económicos o futuro non será libre. Porque a tecnoloxía non é boa ou mala de seu; depende do uso que se lle dea.

Unha literatura disposta a cruzar o futuro, e permanecer nel, terá que explorar os novos medios de expresión, as novas formas de narrar, esas que xa son presente.

O feito de entrar no futuro en cabeza probablemente sexa moito máis relevante do que imaxinamos, pero agora falo de presente e falo, por exemplo, desa revolución chamada Internet das Cousas que nos rodea sen decatármonos; dos aparellos intelixentes que determinan os nosos xeitos de ocio; da narración multimedia que se apoderou das formas de contar actuais; da robótica e a biotecnoloxía, que están a abrir unha insondable xanela no planeta; e da intelixencia artificial, que está a petar nas nosas portas. E de que, ademais, os nosos adolescentes non só len no móbil, senón que se pasan os apuntes a través del, estúdanos nel e participan en plataformas de lectura e de escrita coas que se identifican, como Wattpat, pensadas para os móbiles.

E se a sociedade está a transformarse tan vertixinosa e invisiblemente, a literatura, teñámolo claro, non vai saír indemne de todo isto.

Se con algún libro meu tiven algunha vez a tentación de pensar que estaba dando un paso adiante para a toda a literatura galega foi, precisamente con Poétic@.
Pero este libro é posible porque a poesía galega existe. E isto, na literatura electrónica, esa arañeira onde o concepto de autoría se dilúe, non é unha obviedade; é unha premisa.

En fin, teño a seguridade de que Poétic@, que supuxo un esforzo de aprendizaxe e de investigación, será pronto superado por ese futuro que tan só podemos intuír, pero agradezo profundamente este xesto de premiar un paso tan primeirizo e iniciático como arriscado cara a actulización da nosa literatura.

Moitas grazas.