«Poemas inmóbiles de movemento estático», Un poemario en libro e vídeo que constitúe Unha proposta poética conceptual e gráfica

O vindeiro mércores 21, o escritor Fran Alonso, acompañado do editor e poeta Antón Lopo presentará na Fundación Euseino? (Rúa México 37, Vigo) o seu novo libro, Poemas inmóbiles de movemento estático, publicado pola editorial Chan da Pólvora. O libro estará distribuido a partir dese día polas librarías e na web da editorial. 
Poemas inmóbiles de movemento estático é un libro de procura, de busca, insatisfeita, que se mergulla no desalento, na frustración e na relación entre o corpo e a mente. O libro inclúe ao final unha nube conceptual que substitúe ao clásico índice e un código QR que conduce a un longo videopoema no que se recita o texto completo.

Estes metadatos do libro que figuran na web da editorial Chan da pólvora:

«Poemas inmóbiles de movemento estático afonda na liña que Fran Alonso ven desenvolvendo desde hai anos sobre as posibilidades plásticas da poesía, característica que neste libro se converte nunha eclosión. Pero non debemos levarnos a engano. Baixo as formas escintilantes agáchase o desacougo dos poemas, talvez os máis escuros que escribiu o autor. O libro xira arredor dun ser de natureza incorpórea, engastadao ao individuo que escribe e aturdido no desalento do frío, no abatemento do corpo, no humus da frustración. O ser debeu perderse na reiteración das palabras, no labirinto dos conceptos, na confusa arañeira que prendeu coa erosión da engranaxe neuronal mentres o corpo do individuo que escribe se arrastra pola dor, polo desalento, polo desencanto e pola palabra para procurar unha identidade (dubidosa) na incerteza da esperanza».