O poder da imaxe e da oralidade: cospe poemas! Valoración en Brabádegos sobre «Poemas birollos para ler cos ollos»

A web de literatura infantil e xuvenil Brabádegos publicou na súa páxina de Facebook unha valoración sobre o libro de poesía infantil Poemas birollos para ler cos ollos, escrito e ilustrado por Fran Alonso.

 

 

«Poemas birollos para ler cos ollos»

Poemas birollos para ler cos ollos, de Fran Alonso editado por Xerais en Sopa de Libros é un agasallo que abre os ollos, un libro de poesía infantil que, ao igual que O meu gato é un poeta, prende poesía e xogo. Liga o visual, o poder da imaxe coa oralidade a modo de cadro, deses cadros de solpores, de nubes no alto do ceo que nos provocan, que turran das palabras e que nos fan fitar até torcer os ollos, pampos, sorprendidos pola sensibilidade e a forza da rima.

Adéndrate no bosque das letras, corre sendo dono dos teus soños, anímate e faite co mar sendo ti o pirata, baila coas palabras na punta da lingua, fai poesía, reméxete, reméxete e cospe poemas!