«O meu gato é un poeta» ten nova web

O libro de poesía infantil O meu gato é un poeta, publicado en 2011, incorpora na súa oitava edición unha nova web para o libro. A web, interactiva, non é promocional senón que forma parte do proxecto de edición estendida co que naceu o proxecto, que inclúe o propio libro de poemas (recomendado a partir de 8 anos de idade), un disco cos poemas recitados por Fran Alonso con música de Xurxo Souto e a web, que engade poemas e audios que non figuran no libro, diversas informacións, e permite opinar, comentar e votar.

Esta nova web é moito máis dinámica, máis aberta e reforza e amplía os contidos. A nova web xurde como necesidade de dar resposta aos usuarios/as da web vella, que estaba a quedar obsoleta. A web que renova agora, ademais, incorpora os protocolos de seguridade SSL e emprega os contrasinais que aparecen no libro unicamente para acceder aos comentarios e para acceder aos audios do disco. O resto dos audios son de acceso libre. A web vella. aínda que obsoleta, permanecerá activa un tempo para permitir o desvío dos usuarios/as á nova versión. Moitos dos comentarios da web vella foron importados tamén á que agora se presenta.

Accede á nova web de O meu gato é un poeta