Inquedantes relatos, fantástica lectura de verán: Crítica de Paula Fernández sobre «Contos nerviosos» no Faro da Cultura

O Faro da Cultura, suplemento literario de Faro de Vigo, publicou unha recensión crítica de Paula Fernández sobre Contos nerviosos, ilustrado por Dani Padrón e publicado pola editorial Embora.

 

Inquedantes relatos

Fantástica lectura de verán

Contos-nerviosos-pequenaO nervio e o sen sentido gobernan este libro de contos de Fran Alonso (Vigo, 1963) que vén amosar o bo e comprometido traballo deste autor coa literatura infantil. O nervio, porque son relatos protagonizados por personaxes que por unha causa ou outra viven nun estado emocional convulso, raro, anormal, –mais quen pode decidir o que é normal, poderiamos dicir entón que pouco habitual– e o nonsense porque situacións algunhas atípicas e aparentemente imposibles, á beira doutras que por ser cada vez máis frecuentes non deixan de ser ridículas son as que dan forma a este libro.

Son catro relatos, non nerviosos, pero si inquedantes, destacan a axilidade do seu ritmo narrativo, a caracterización nalgúns intres caricaturesca de tipos sociais e as situacións cotiás e frescas que se achegan a mundos paralelos polos que os personaxes se moven con total normalidade.

Dende o conto do rapaz alérxico ao ruído que pasará por varios doutores e unha terapia de choque para solucionar o seu problema nun desenlace brillante; o da nena instalada no medo que sente vivir controlada e sen dereito á intimidade, un personaxe redondo que viaxa ao seu interior e cando descobre quen é comproba que é un ser gobernado por un autor que manexa os seus pasos e todos os seus actos; os mundos paralelos do Café Tropical onde se actualiza a lámpada do xenio a unha máquina virtual que permite cambiar todo o que se desexe; e, finalmente, o conto paradoxalmente máis divertido polo ridículo da situación mais tamén o que transversalmente resulta máis duro. Hai pincelada críticas nos catro contos pero sen dúbida a máis voraz é a desa última fábula moderna, o do décimo aniversario dunha rapaza absorbida polo consumismo, polos roles mediáticos difundidos diariamente e en todos os horarios que non pode senrón ser entendida polo lector máis adulto como unha vítima deses medios.

Resulta así unha lectura fantástica para o verán dos rapaces de das rapazas, cuxa competencia lectora lles permita gozar autonomamente do acto de ler, pola súa frescura, e porque é divertida dende o respecto sen caer nesa carga idiotizante da que ás veces é vítima o humor infantil. É tamén unha lectura para un público adulto, quen seguramente percibirá mellor os dous niveis de lectura de todos os contos e, sobre todo, unha lectura enriquecedora para todos.

Paula Fernández

 

Inquedantes relatos