fran alonso: «En ‘Street poems’ quixen facer un libro híbrido, no que hai DISCIPLINAS que se tocan: a poesía e as artes plásticas». Entrevista de Montse Dopico

A xornalista Montse Dopico entrevistou ao escritor Fran Alonso para o xornal dixital Praza Pública, conversando con el sobre os seus últimos libros: Street Poems, Terraza e Estado de malestar.

Fran Alonso: «Concibo a literatura como exploración, como xeito de experimentación»

Que Fran Alonso é un dos escritores galegos que máis xogan coa experimentación con novas formas de comunicación co lector é un feito difícil de poñer en dúbida. Desde hai pouco tempo é, ademais, o novo director de Xerais, tras a marcha de Manuel Bragado. Nunha fase de reestruturación do sector, tras a crise e o cambio tecnolóxico, o goberno galego decidiu ademais aplicar un importantísimo recorte ás axudas ao libro que, segundo Alonso, poden darse por “desaparecidas”, polo menos no seu formato de compras de libro para abastecer as bibliotecas. Falamos con el da nova situación de Xerais e dos seus tres últimos libros, Terraza, Estado de malestar Street Poems.

É un libro de poemas escritos na terraza dun bar. Parece procurar materia poética no cotián…

O libro xorde da observación, do feito de ir eu habitualmente a unha terraza desde a que observo a vida cotiá. Tamén está moi presente nel o paso do tempo, e ademais introduzo elementos do fantástico, e mesmo do máxico, que rompen dalgunha maneira esa dureza do cotián, que sobrepasan esa dimensión.

De fondo está a crise, o paro…

Porque é unha terraza que existe, dun barrio de Vigo moi afectado pola crise. Na época na que eu ía a aquela terraza, notábase moito. Mesmo na forma de camiñar da xente. Eu observaba a xente coa mirada extraviada, e non porque estivesen despistados levitando, senón porque non sabían que lugar habitaban naquela situación… Foi un dos motivos que me animaron a escribir este libro: ver aquilo. A crise notábase nas persoas e tamén nos lugares: os comercios… Mesmo a cafetería á que eu ía sobrevivía con moi pouca xente…

O poeta pensa que é un pouco bicho raro, un “exemplar exótico” nunha sociedade “en carne viva”.

Claro, é que nese contexto era doado verse así. Alguén que reflexiona e escribe nunha terraza mentres acontecía todo aquilo, cunha mirada de perplexidade. Sabe que é un pouco bicho raro porque el está alí facendo poemas mentres a xente trata de sobrevivir, nese estado de malestar. Ademais, eu nunca fixera antes iso de escribir nunha terraza. E iso producíame tamén certa sensación de desamparo, de pudor… Conto por exemplo nun poema que estaba un día escribindo e achegóuseme unha veciña. Despois, como che dicía, está moi presente o paso do tempo. O efecto do tempo nas persoas: a xente maior… Mais tamén os adolescentes.

En relación con iso, son poemas narrativos nos que case podemos identificar personaxes. Coma a muller que coida un home maior…

É verdade que eu xoguei a iso con frecuencia e, sobre todo, en Balada solitaria. Sempre xoguei a romper a barreira entre narrativa e poesía. Porque o importante é a palabra, o que queremos transmitir, e ás veces a palabra transcende os xéneros.

Tamén se pode ir máis alá do papel a través do código qr…

Introducir o código qr é neste caso un xeito de cita, de autorreferencialidade, que me permite enlazar os tres libros: Poétic@Estado de Malestar e Terraza. Unha maneira de relacionalos entre si.

Estado de malestar é un poemario escrito integramente en twitter. Non sei se hai máis experiencias así na literatura galega.

Hai un poemario de haikus escrito por Helena Villar Janeiro, que o sacou tamén en papel. O meu xogo era facer 140 poemas de 140 caracteres. Agora xa se poden escribir máis caracteres en twitter, pero entón era así. Escribir este poemario foi un reto. Tiña que escribir diariamente e, aínda que sexan uns poucos caracteres, non era fácil. Moitas veces non atopas o tema, non che sae…

En Francia hai un instituto de tweetliteratura, pero aquí é algo menos presente. Para min foi un xeito de experimentar coas novas formas de expresión que ofrecen as redes sociais. Non sei se iso é o futuro, pero desde logo establece novas formas de comunicación. Do resto, o tempo dirá. Ademais, para min o importante é experimentar, explorar. Concibo a literatura como exploración. Se non a hai, non é para min un reto atractivo.

Estado de malestar leva tamén a Street poems, partindo ambos quizais de Poetic@. Buscar maneiras de ir máis alá do papel…

Non foi algo que pensase. Xurdiu de xeito natural. Si quixen facer un libro híbrido, no que hai artes que se tocan: a poesía e as artes plásticas. Mais penseino máis ben como un paso máis no que estaba a facer en literatura infantil e xuvenil. A literatura visual na literatura infantil e xuvenil é algo case inexistente, e para min é moi sorprendente. Aos nenos gústalles moito, recoñecen moi ben a poesía visual. Pois, despois de ‘Poemas birollos para ler cos ollos’, veu Street art, que realmente é froito das fotografías que fun facendo, de graffiti e arte urbana, sen saber que ía acabar facendo un libro a partir delas.

Este libro parece reivindicar a poesía como exercicio de liberdade e rebeldía e o graffiti como xeito de poesía. O libro contén definicións da poesía nese sentido. E a reflexión metaliteraria é outra das constantes da túa obra como escritor.

Aí podemos distinguir dúas cousas. A poesía e o grafiiti teñen moita relación. O grafiiti naceu da cultura do hip-hop, un de cuxos elementos é o rap, e a persoa que rapea. É un xeito de poesía e aí se cadra non hai moito que reivindicar. Hai graffitis cunha forza poética extraordinaria. Pero si quixen facer un poemario rebelde, gamberro, coa forza clandestina do graffiti, que non é o graffiti institucionalizado, que non me parece mal, pero o que eu quería era traballar co outro.

O graffiti, e a arte urbana en xeral, pode molestar. Como di Bansky, a arte debería confortar os perturbados e perturbar os confortados. Despois, o que dis da metaliteratura é verdade. Podería dicir que é case como unha desviación, unha obsesión. Tamén ten que ver, supoño, cun espectáculo co que levo moito tempo -debo levar unhas 400 representacións-, que se chama ‘A poesía é un globo’, no que tento explicar de xeito sinxelo o que é a poesía.

(…)

Montse Dopico