Fran Alonso publica «Terraza», un novo libro de poemas, balizado con códigos QR, que acaba de ser calificado como «sorprendente, contemporáneo e de discurso radical»
O escritor Fran Alonso acaba de publicar Terraza, un libro de poemas que aborda a vida e o paso do tempo desde a visión crítica dun home que escribe poesía sobre o que ve na súa contorna na terraza dunha cafetería na que toma café. O libro acaba de ser recibido cunha primeira crítica do xornalista Ramón Rozas, que salienta «a radicalidade do seu discurso, e non o digo polos códigos QR que balizan as súas poesías, senón por facer algo tan rachón como sentarse nunha cadeira a ver pasar a vida».Terraza tamén foi saudado desde Twitter polo crítico Ramón Nicolás, que o calificou de «sorprendente, contemporáneo e sempre brillante». Segundo o seu propio autor, e malia a introdución de elementos que rompen o plano da realidade, nalgunha medida o libro podería ser calificado de «non ficción» se é que esa categoría fose posible nun xénero tan autoreferencial como a poesía.
Terraza, que se publica na colección de Poesía de Xerais, ten a particularidade de que as 15 citas que presinden algúns dos poemas -e que se retroalimentan- hai que lelas a través de códigos QR, accesibles a través de calquera app para móbiles que cumpra esa función. Tamén é necesario empregar ese sistema para ler o derradeiro poema do libro, aínda que a súa lectura, como a das citas, é complementaria pero non imprescindible. Reproducimos o texto de contraportada de Terraza:
«Un home contempla a vida e o paso do tempo desde a terraza dun bar e escribe poemas mentres toma un café. Pero a vida –e o tempo–, coma un agromo que se renova cada día, nunca se detén, nin nas miradas extraviadas dos perdedores, nin na arrogancia indomable dos adolescentes, nin no narcisismo fetichista das redes sociais, nin na estrañeza das avestruces que se ocultan, nin na aceptada resignación das persoas devoradas pola rutina, nin na ambición insolente e pretensiosa das motos».
Como poeta, Fran Alonso publicou en 1992 Persianas, pedramol e outros nervios, un dos referentes fundacionais da poesía dos 90. Logo viñeron Tortillas para os obreiros (1996); Subversións (Xerais, 2001); Balada solitaria (2004); Transición (2011), poemario con CD no que recita acompañado de María Lado; Poétic@ (2015), poesía electrónica e crossmedia que explora as posibilidades expresivas das novas tecnoloxías cun discurso corrosivo sobre a propia poesía e Terraza (Xerais, 2017). No ámbito da poesía infantil e xuvenil publicou Cidades (Xerais, 1997), Premio Rañolas ao mellor libro do ano; O meu gato é un poeta (Xerais, 2011) en edición multiplataforma con web e un CD con música de Xurxo Souto e voz de Fran Alonso; e Poemas birollos para ler cos ollos (Xerais, 2016), poesía oral e visual que incorpora un videoxogo web. Xunto con María Lado, puxo voz ao CD «Poetas galegos» para a revista Metamorphoses, da Universidade de Massachusetts (2014). Realiza performances poéticas e o espectáculo de poesía infantil A poesía é un globo. Tamén é autor da coñecida e reeditada antoloxía Poetízate (2006).