Fran Alonso: «Os meus Contos nerviosos responden á imaxinación infantil en estado salvaxe, que moitas veces é produto da tensión, do incontrolado»
O xornal La Voz de Galicia publicou o pasado 6 de xullo unha entrevista de Begoña R. Sotelino a Fran Alonso sobre o seu último libro infantil, Contos nerviosos, publicado pola editorial Embora e ilustrado por Dani Padrón. (A foto é de Vítor Mejuto).
«Os contos son a imaxinación infantil en estado salvaxe»
O escritor, periodista e editor Fran Alonso presenta hoxe ás 20.00 horas na Feria do Libro de Vigo a súa nova obra, Contos nerviosos, acompañado pola xornalista Teresa Cuíñas, coa que manterá unha conversa, e polo director de Embora Edicións, Miguel Toval.
—Contos nerviosos son catro contos. Que teñen en común?
—Que os protagonistas se moven dentro dunha fantasía do disparate, profundamente infantil, e tamén que se funden, ata confundirse (como sucede, cada vez máis, na nosa sociedade) nesa realidade que mestura sen decatarse o real co virtual. Iso é algo que procede dos videoxogos, de Internet e da nosa relación coas tecnoloxías actuais.
—Por que nerviosos?
—Porque teñen que ver co disparate, coa imaxinación infantil en estado salvaxe. E o disparate é moitas veces produto da tensión nerviosa, da forza imprevisible, do incontrolado. O xogo infantil é moitas veces disparatado.
—A obra se encadra como literatura xuvenil. Fixo estas historias xa pensando nos rapaces ou adaptounas ao que iba saíndo?
—Todo o mundo di que son historias atractivas para os adultos, pero eu cando escribo literatura infantil e xuvenil, penso nese público. Non hai dúbida de que condicionan o proceso creativo. Paréceme bo recoñecelo.
—Para que idades?
—Eu creo que a idade ideal son os dez ou once anos. A principal valedora deste libro é a miña filla, que é moi crítica con outros libros meus. Creo que é un libro que lle gusta moito ao público infantil polo seu humor e polo tipo de personaxes que ten.
—Gústalle, en xeral, a idea das feiras do libro?
—Son necesarias para achegar o libro á xente, pero necesitan un revulsivo, buscar confluencias e facelas máis vivas. As Feiras do Libro teñen que formar parte da vida cultural e social da cidade e as intitucións deben poñerse ao dispor da organización porque constitúen un evento de referencia en calquera sociedade desenvolvida. A min, en xeral, gústame moito o modelo portugués, que o temos aí ao lado.
—Como autor, séntese cómodo acercándose ao lector?
—A pesar de que maiormente son un tipo tímido, gústame o contacto directo cos lectores e gozo moitísimo nos encontros nos centros de ensino ou literarios.
—Como vai o proxecto dixital Poetic@?
—Poétic@ pode ser un proxecto permanentemente vivo, aínda que agora quero seguir probando e experimentando na literatura electrónica por outras vías. Entendo o labor do escritor como unha busca permanente.