Fran alonso fálanos dos superpoderes da lectura e da chamada da literatura, da palabra e da lingua no seu novo libro «douche a miña palabra»
O escritor Fran Alonso acaba de publicar na colección Sopa de Libros Douche a miña palabra, unha obra a través da que nos convida a reflexionar en torno a lectura, a escrita, a palabra, a literatura, a poesía e tamén á lingua. O libro conta con fermosas ilustracións de Bea Gregores, que aporta unha nova dimensión ao texto.
Como se chega a ser escritora ou escritor? Por que se escribe? Pódese vivir sen ler? Pódese aprender a pensar a través da lectura? As palabras poden proer, picar, denunciar as inxustizas, resultar molestas e incómodas. Tamén poden facernos reaccionar. Os escritores e escritoras pelexan coas palabras, míranlles as patiñas nun microscopio e constrúen historias.
Cunha linguaxe comprensible e chea de anécdotas, Fran Alonso cóntanos neste libro inusual cousas sobre a escrita, a literatura ou a lingua e convídanos a reflexionar sobre o superpoder da lectura e a importancia de sentir a chamada das palabras.