Fran Alonso: «A literatura está en nós: todos temos unha historia que contar». Entrevista de Xesús Fraga sobre «A punta de pistola»
Xesús Fraga publica na contraportada de La Voz de Galicia do pasado luns 12 de novembro unha entrevista con Fran Alonso centrada no seu libro A punta de pistola, Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia 2012. (Foto de M. Moralejo). A entrevista tamén pode descargarse neste enlace en pdf.
«A literatura está en nós: todos temos unha historia que contar»
A historia paralela dunha parella que secuestra aos seus propios fillos da tutela dos servizos sociais e dunha camioneira nunha encrucillada laboral e persoal valeulle a Fran Alonso (Vigo, 1963) o Premio de Novela por Entregas de La Voz. A punta de pistola aparece agora como libro na colección Fóra de xogo de Xerais.
—¿Como foi para vostede como autor ver o seu libro, capítulo a capítulo, no xornal?
—Vivino como algo moi novidoso. Estiven moi expectante por ver como era recibido, como o lía a xente. A primeira metade do mes estiven fóra, pero si estiven pendente, sobre todo dos comentarios dos lectores, aos que chegaba a través de Twitter e que foron toda unha experiencia.
—Dalgunha forma, tamén pechaba un círculo, porque foi no xornal onde atopou a inspiración para a historia.
—Efectivamente, lina no xornal. Foi unha historia que me sorprendeu e xa daquela escribira un artigo sobre o tema. Pero estiven uns anos reflexionando sobre o feito do inverosímil que parecía que uns pais se levasen aos seus fillos a punta de pistola: aí había material literario, aínda que non estaba seguro de que o fose a escribir. Pero ao final volvín sobre a historia e engadinlle a trama paralela protagonizada pola camioneira, que para min tamén era pechar outro círculo, coa miña primeira novela, Tráiler.
—Unha historia tiña ritmo de «thriller», mentres que a outra era máis pausada, introspectiva. ¿Buscaba un equilibrio?
—Si, unha exercía de contrapunto da outra. Por un lado, uns capítulos cun ritmo brutal, frenético e, por outro, un ton reflexivo, no que a protagonista afrontaba os seus problemas persoais e empregaba as novas tecnoloxías, importantes para ela no desenvolvemento do seu negocio, ou como o blog no que relataba o seu día a día como camioneira. Creo que é importante que a literatura recolla estas realidades, que teña a capacidade de interpretalas.
—Ademais dese contrapunto, está o das personaxes femininas. Rica está atrapada nunha calella sen saída, pero Camila sae adiante nun mundo con escasa presenza de mulleres.
—Si, é certo. Rica representa a desestruturación social e ademais é unha muller que está sometida ao mandato do seu home, que é moi machista e ten controlada a súa vontade, aínda que ela é cínica e se rebela, pero só de xeito verbal. Camila ten unha formación académica e intelectual, pero se desenvolve ben nun eido laboral cunha gran tradición patriarcal. Aí interesábame tamén facer referencia á figura histórica de Celia Rivas, a primeira camioneira. E, por certo, lin blogs e vin videoblogs de mulleres camioneiras.
—Habitualmente os lectores poñemos cara aos personaxes no noso maxín, pero os seus levan os trazos das ilustracións de Abraldes.
—Comentámolo polo Facebook e explicoume que as pintara ao óleo, o que creo que lle imprimiu un carácter aínda máis persoal.
—Cada capítulo do seu libro compartiu espazo cos relatos que enviaron os lectores. ¿Que lle pareceu esa convivencia entre un autor do seu traxecto e as arelas dos afeccionados?
—Pareceume fantástico. Había textos moi interesantes e resulta abraiante ver as ganas que a xente ten de contar. Á xente apetécelle escribir. Todos levamos a literatura dentro de nós, un novelista, todos temos unha historia que contar, compartir as nosas narracións e gozar co xeito de contar. Para min tamén foi moi optimista porque demostra que o futuro da literatura galega está garantido.