«Folerpas de Novoneyra», crítica de Ramón Nicolás

Texto publicado por Ramón Nicolás no suplemento «Culturas» de La Voz de Galicia o 17 de abril de 2010.

Folerpas de Novoneyra

Conxugar o interese, nos ámbitos dun libro ensaístico, tanto para lectores

Folerpas de Novoneyra

novos como para adultos non é algo doado de conseguir. Con todo, Fran Alonso, co obxectivo de publicitar tanto a dimensión literaria como a vital de Novoneyra, testemuña que si é posible.
Formulando, así pois, un percorrido cronolóxico pola vida do autor da «Letanía de Galicia», posibilítase ir recalando naqueles aspectos biográficos máis salientables de xeito que non é difícil ir asumindo como lectores o pulo creativo de alguén que acabou servindo, como el mesmo sinalou, á palabra «poeta». Tendo en conta, como método de traballo, achegas anteriores á presente, ensáiase un diálogo fluído con aquelas e mais tamén co seu herdo literario e humano, incorporando unha visión interpretativa que descobre ou redescobre non só as súas obras literarias senón as súas vivencias no Courel, Lugo, Madrid ou Compostela, todas elas evidenciando o compromiso de Novoneyra coa poesía, coa lingua galega e coa súa terra: un dos seus indubidables sinais de identidade.
Ao feliz acabado do libro contribúe de maneira destacada tanto a reprodución dun abondoso material iconográfico e documental como a presenza doutras seccións de interese como son os recursos que hoxe en día se poden atopar na rede para achegarse ao autor ou unha útil cronoloxía. Esta última é a que precede unha atinada e representativa escolma poética que inclúe, como non podía ser doutro xeito, algúns dos poemas máis representativos e orixinais da poesía galega do século XX.
Tal como as folerpas que caen maina e amorosiñamente, estas novoneyrianas de Fran Alonso cómpre lelas con semellante actitude: espellan con naturalidade e sedución o espírito dun home dificilmente repetible do Courel.

 

 

Ramón Nicolás