Crítica de M. Rodríguez Alonso sobre «Cidades». Unha reedición moi necesaria: un clásico da poesía infantil

Manuel Rodríguez Alonso publicou no seu blog, Bouvard e Pécuchet, unha recensión crítica sobre Cidades, o libro de poesía infantil de Fran Alonso.

Reedición moi necesaria

Reedítase agora Cidades con engádegas e mesmo con cambio de ilustracións. Esta obra, publicada por primeira vez en 1997, é xa un clásico do que se adoita chamar poesía infantil-xuvenil. Non temos nada en contra para incluír este poemario nese suposto subxénero da poesía infantil-xuvenil, mais o certo é que a min gustaríame máis clasificalo como poesía de verdade, que, polos recursos que emprega e polo tema, pode ser lido moi proveitosamente polas rapazas e rapaces.
            A cidade na poesía tradicional non era certamente un tema Cidadespoético. Foi posiblemente Baudelaire o que incorporou dun xeito efectivo a cidade á lírica ao dedicarlle a París unha parte das súas célebres Flores do mal. A literatura galega clásica, do Rexurdimento ou da Xeración Nós, non gustaba precisamente da cidade, ollada dun xeito conservador só como elemento de castelanización. O propio Murguía nos artigos que publicou en El Museo Universal en 1859 sobre a poesía galega contemporánea dicía que só resultaría crible escribir en galego églogas campesiñas, posto que ninguén daquela identificaba o galego coa cidade, senón co agro.
            Mais, e para ben, moito cambiaron os tempos desde a época Nós ou mesmo desde os tempos de Gallego 1, 2, 3, que tentaba ensinar o galego a través dos habitantes dunha aldea. Unha das características máis salientables da literatura e mais da cultura galega actual é a recuperación ou mesmo descubrimento do espazo urbano ollado como positivo. Ben é certo que aparece en Risco ou en Otero, mais habitualmente de xeito negativo. A cidade galega moderna entra fundamentalmente na literatura galega con Blanco Amor ou Xohana Torres ou incluso co Méndez Ferrín de Antón e os iñocentes.
            Coincide esta presenza da cidade na literatura e mesmo na poesía galega coas achegas de historiadores que nos amosan que Galicia non era tan rural nin antiurbana como queren os tradicionalistas seguidores acríticos da xeración Nós. Galicia, posiblemente, non era menos rural que Andalucía, Castela ou Aragón, no remate do século XIX ou comezos do XX. Contaba con importantes cidades abertas e progresistas, por estes anos, como podían ser A Coruña ou Vigo.
            Nestes sentido Cidades ofrece unha interpretación da Galicia urbana, unha exaltación da cidade, aínda que non esqueza os posibles aspectos negativos. É unha especie de vacina fronte ao hilozoísmo ou o ruralismo, que tivo tamén a súa expresión na literatura infantil.
            O poema que abre o libro, cunha axeitada ilustración, é un canto á solidariedade urbana, representada en profesións tipicamente urbanas que nos fan a todos a vida máis doada. Acerto indubidable nel o derradeiro verso asertivo, a xeito epifonemático, onde eses profesionais solidarios, que van do enfermeiro ao profesor, pasando pola enxeñeira ou a avogada, non teñen relación persoal co eu lírico: Pero eu non os coñezo. Este descoñecemento aumenta a sensación de solidariedade. Tamén acerta o autor ao combinar as adxectivacións e cualificacións realistas coas visionarias neste e noutros poemas (o enfermeiro, por exemplo, pon inxeccións, mais a avogada / defende a liberdade dos paxaros).
            Sobresae o autor no manexo de técnicas que son propias da chamada poesía infantil, mais que tamén o son da lírica en xeral. Deste xeito as anáforas e paralelismos do segundo poema do libro son un acerto. O mesmo acontece coa antítese, na que se basea formalmente o poema 3. No poema 4 cómpre destacar o paralelismo sinonímico co que comeza e remata, aínda que se cambia axeitadamente o adxectivo violetas por contaminadas.
            O poema 5 é unha irrupción de realismo e presenta o paradoxo da estética da fealdade. Malia ser a cidade do eu lírico, ruidosa, sen árbores ou contaminadas. esperta o amor deste eu lírico. O poema 7 está montado sobre visións creacionistas dunha gran forza expresiva. No 8 cómpre destacar a cualificación personificadora (Os autobuses son preguiceiros) e as acertadas comparacións animadoras referidas aos autobuses. Salientemos a plasticidade das comparacións dos autobuses con camelos/elefantes que son vellos, esgotados, vencidos… (o autor conta coa complicidade dun lectorado afeito a ver as imaxes destes animais nos medios, mesmo nos debuxos animados) e tamén a transferencia de adxectivos que se produce do animal ao humano: tristura animal.
            Recurso moi acaído para a poesía infantil son os xogos co son, conseguidos sobre todo por repiticións, aliteracións ou harmonías imitativas. Neste senso cómpre que nos refiramos ao poema 10, onde a aliteración e acumulación de eses suxire o silencio na noite da cidade, que se ve alterado polo día coa explosión dos erres vibrantes múltiples, o oclusivo e estourante pe e o africado che que prolonga nunha fricación o estoupido inicial da súa explosión. Os xogos de sons tan propios da poesía popular ou mesmo da poesía infantil ou dos xogos de linguaxe dos nenos, mais tamén das vangardas, aparecen moi ben utilizados no poema 18 do Tolo Bartolo, onde cómpre salientar tamén o poder neolóxico representado polo adxectivo semafórico.
            Non falta tampouco o pulo social ao presentar os aspectos máis insolidarios das nosas cidades, como é o dos mendigos ou pobres de pedir, hoxe denominados os senteito. O poema 11 trata desta figura e remata cun acaído paradoxo: El é deses que non teñen nada / e na nada habitan e viven. Nalgún caso os poemas teñen unha brevidade e un contido emocional que nos fai pensar nos haiku, como acontece no poema 16.
            A estética do feo e ata do cutre amósase ben no poema 20, titulado “Na cafetería hai flores”. No faltan, nos corenta poemas que compoñen este libro, casos en que se toca a tecla da chamada poesía da experiencia, por exemplo, o número 23, titulado “As ambulancias son mestas”, onde ademais advertimos un interesante xogo de cenestesia-sinestesia nos dous versos que presentan o paso das ambulancias: Pasan correndo ás tentas / coa súa triste sinfonía de luces de cores.
            Xa que logo estamos perante unha poesía que emprega recursos propios da chamada poesía infantil/xuvenil como temas próximos ás rapazas e rapaces, así como técnicas habituais na poesía destinada aos máis novos como repeticións, aliteracións, xogos de sons, neoloxismos ou paralelismos, mais que tamén son propios da poesía popular ou mesmo das vangardas, polo que é un tipo de poesía que máis ca infantil-xuvenil teriamos que denominar poesía apropiada para ser lida e gustada por lectores noveis da lírica.
            As ilustracións, tamén do propio autor, constitúen un apoio acaído para os poemas. Son un esteo inapreciable para as visións que aparecen nos versos e combinan, ao meu ver, axeitadamente neorrealismo fotográfico, expresionismo e tamén surrealismo. En moitas ocasións a ilustración serve para ter unha idea global do tema ou sentimentos que expresa o poema.
            O libro resulta especialmente apropiado deste xeito non só para lectores do derradeiro ciclo do Ensino Primario, senón tamén do primeiro tramo da ESO. Cómpre que nos nosos centros de ensino, especialmente os de secundaria, se preste máis atención á poesía, pois a partir da reforma do PSOE de Maravall e compañía primáronse os chamados textos utilitarios ou prácticos para a vida como instancias, notas, avisos, cartas e un feixe máis de parvadas que apartaron os nosos alumnos e alumnas da literatura, especialmente da que require un maior esforzo imaxinativo e mesmo de atención ou esforzo intelectual-imaxinativo, como é o caso da lírica. Por iso, cómpre que os alumnos e alumnas se familiaricen coa poesía e coas súas técnicas desde o Ensino Primario. Tamén se lles debe insistir en que lean as imaxes das ilustracións, tarefa que non se adoita facer nas clases de lingua, onde só se explica, se é que se fai o texto. E sobre o texto cómpre facerlle meditar ao alumnado sobre as técnicas que usa o poeta: aliteracións, paralelismos, ritmo acentual…, para que vaian vendo que a poesía non consiste en escribir un texto en liñas curtas.