«A punta de pistola» chega ás librarías
A novela de Fran Alonso A punta de pistola, Premio La Voz de Galicia de Novela por Entregas, que os lectores e lectoras puideron seguir diariamente durante o pasado mes de agosto nas páxinas de La Voz de Galicia, chega agora ás librerías, en formato libro e na colección Fóra de Xogo de Edicións Xerais de Galicia. Durante toda esta semana, no Diario Cultural da Radio Galega, poden escoitarse fragmentos da obra lidos polo autor.
A punta de pistola ábrese cunha escena de ritmo trepidante: un delincuente de pouca monta, coñecido como O Varas, e a súa muller, Rica, acoden a un Centro de Acollida Familiar para ver os seus fillos, baixo a tutela dos servizos sociais. Unha vez alí, secuéstranos e lévanos a punta de pistola. Así comeza unha frenética fuxida. Ao tempo, outra historia transcorre en paralelo: a dunha camioneira emprendedora, culta e licenciada, que conduce e escribe nun blog. A camioneira, admiradora da vida da fisterrá Celia Rivas, a primeira muller en conducir un camión, en 1932, supón un contrapunto máis intimista á desenfreada fuxida que protagoniza a parella de secuestradores. Moita acción, planos cinematográficos, novas tecnoloxías, o papel da muller e a desestruturación social, familiar e educativa son algúns dos eixos que vertebran esta novela que está baseada nun feito real e logra atrapar os lectores e lectoras.