A novela «Silencio» preséntase por videoconferencia ante o alumnado dun instituto de Vigo e outro de Ferrol
A novela Silencio, de Fran Alonso, publicada na colección Fóra de Xogo, será presentada mañá ás 10,30 da mañá por videoconferencia ante o alumnado dun Instituto de Vigo e outro de Ferrol. O encontro terá lugar no IES Valadares de Vigo, desde onde será retransmitido ao IES Saturnino Montojo de Ferrol, que participará de forma activa. No acto de presentación intervirán o editor Manuel Bragado, o crítico e profesor Ramón Nicolás, o escritor Fran Alonso e o alumnado dos dous centros de ensino galegos, que realizarán comentarios sobre o libro e preguntas dirixidas ao autor, Fran Alonso.
Así mesmo, a presentación será retrasmitida por twitter baixo o hashtag #Silencio e desde a conta @franalonso. Durante os dous días seguintes, os rapaces/as que o desexen poderán formularlle preguntas ao autor a través da mesma conta.