A novela «Ninguén», a debate no club de Lectura Lendo no Galiñeiro
Ramón Nicolás publicou en Caderno da crítica unha anotación sobre o encontro que Fran Alonso mantivo sobre o seu libro Ninguén, no Club de Lectura Lendo no Galiñeiro.
Encontro sobre «Ninguén», de Fran Alonso, no Club de Lectura «Lendo no Galiñeiro»
Pasou Fran Alonso por un dos clubs de lectura «Lendo no Galiñeiro», concretamente o destinado ao profesorado, persoal non docente e pais e nais do alumnado do IES Valadares de Vigo.O motivo foi, loxicamente, a lectura realizada previamente de Ninguén, un libro que, como era de agardar, deu moito de si no faladoiro que seguiu á intervención do autor, centrada en situar este «artefacto» literario dificilmente encadrable en xénero ningún na súa propia produción, salientando algúns dos vectores que o conformaron, tanto en relación con esa «arañeira» que constitúe a totalidade do seu percorrido literario até hoxe coma no que ten que ver coa singularidade que o caracteriza: unha obra concibida para dialogar con algúns aspectos no noso presente, onde a incomunicación, a soidade ou as redes sociais, con algunhas das súas indesexadas ou imprevisibles consecuencias, cobran cada vez máis importancia no noso día a día. As máis sinceras grazas desde o club de lectura.