A novela «A punta de pistola» será presentada nun instituto vigués o vindeiro xoves 28

A punta de pistola

A punta de pistola, a nova novela de Fran Alonso, que foi Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, presentarase o vindeiro xoves 28 de febreiro, tres meses despois da súa saída, nun centro de ensino da cidade de Vigo: o IES de Teis. A presentación terá lugar a partir das 10:30 horas, estará dirixida aos alumnos e alumnas da ESO do devandito centro e busca unha interlocución directa entre o escritor, a súa novela e os lectores e lectoras xuvenís, coa intención de achegar este tipo de actos ao público ao que está dirixida a colección onde se publicou a novela.
Na presentación participarán o director do centro, Fernando Carrasco, o editor Manuel Bragado, e o propio autor, Fran Alonso, así como, un grupo de 15  estudantes coordinados pola profesora Encarna Osorio (responsable do proxecto lector do centro) que entrevistará ao autor mantendo un coloquio áxil entre o escritor e os lectores e lectoras.