A educación, discriminación, maltrato infantil e a desigualdade de xéneros en «A punta de pistola», de Fran Alonso. Crítica de Mar Fernández Vázquez
Mar Fernández Váquez publicou en El Correo Gallego (30/01/2013) unha recensión crítica sobre sobre A punta de pistola, de Fran Alonso, Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia.
Unha carreira desesperada
En «A punta de pistola» Fran Alonso contrapón as accións duns pais inmaduros ás dunha moza dubidosa ante o seu porvir
É mágoa que no século XXI a igualdade entre mulleres e homes aínda non sexa unha realidade, sobre todo nalgunhas profesións, como a que exerceu desde 1932 Celia Rivas, a primeira camioneira, que inspirou a trama de A punta de pistola, de Fran Alonso (Vigo, 1963).Esta obra, galardoada co XII Premio de Novela por Entregas La Voz deGalicia, viu a luz neste xornal en agosto de 2012 antes de publicala Xerais na colección “Fóra de Xogo”, que acolle textos acaídos ao lectorado mozo.Fran Alonso ten contribuído á visibilización da Literatura galega desde as súas facetas de narrador, poeta, xornalista, crítico literario, editor, tradutor, antólogo e dinamizador cultural da Literatura de adultos e da Literatura Infantil e Xuvenil.DEBUT LITERARIO. Nesta novela retoma a profesión dos personaxes do seu debut literario, Tráiler (Xerais, 1991, Premio Blanco Amor), que desenvolve a protagonista dunha das historias principais da trama desde hai sete anos, tentando emular a admirada antecesora quen, a diferenza dela, “non pensaba, actuaba por impulsos, por intuición” (p. 25).Esta moza camioneira gaña protagonismo segundo avanza a novela ata se converter no personaxe principal que dá sentido á existencia do resto de personaxes, conseguindo ademais deixar de “remoer tanto as cousas” (p. 25) e apostar por unha nova vida como profesora en Estados Unidos, tras publicar o derradeiro post no seu blog e confiar a súa empresa familiar a un bo amigo.A punta de pistola engancha o lector desde o primeiro capítulo, onde os protagonistas, da segunda historia principal, se comportan como nos actuais filmes de acción, policiais e de suspense: a ritmo trepidante e cunha acción desordenada, intuitiva e decidida.Son eles os pais dos dous xemelgos que levan tres meses nun Centro de Acollida debido a estaren semiabandonados, por pertenceren a unha familia desestruturada, “cun estilo de vida caótico e azaroso e cunha constatada e grave falta de madurez persoal” (p. 70), como se refire no capítulo 15, “Informe psicosocial”.PIXIE E DIXIE. Tras ameazar ao persoal do Centro, recuperan os nenos, Pixie e Dixie, e inician unha fuxida sen rumbo, na que discuten sobre onde agocharse e a quen pedir axuda, de novo prestándolles pouca atención.Fran Alonso aprehende aspectos que o desagradan: a perda da estrutura familiar e da educación, a violencia, a discriminación social, o maltrato infantil, a desigualdade de xéneros, a inxustiza e o egoísmo para facer reflexionar ao lector sobre os perigos da vertixinosa sociedade actual, ao tempo que resalta novas tecnoloxías como as redes sociais e os blogs, sen esquecer a capacidade de soñar, unha forma de superación á que contribúe ler poesía, o xénero que máisreivindicou e practicou en obras como Cidades, accésit Premio Lazarillo de Literatura Infantil 1996.