A conmoción que busca «Silencio», unha novela de intriga para inquietar os lectores e lectoras xuvenís

XG00228901Ás recensións xa coñecidas sobre a novela Silencio, de Fran Alonso (como as publicadas no seu día polo músico e escritor Antón Reixa, ou os críticos Francisco Martínez Bouzas e Xosé Manuel Enríquez, Xoán Acuña ou Susana Fernández de Gabriel) súmanse agora as suscitadas pola aparición da novela na colección Fóra de Xogo, na procura dun público lector distinto para o que suporá un reto enfrontarse a unha novela de intriga e suspense que, ademais, propón unha mirada inusitada ás cousas estrañas e inesperadas que se agachan detrás da nosa realidade cotiá.

O propio Francisco Martínez Bouzas asoma novamente ao libro, calificándoo de «pequena alfaia literaria» e definindo ao seu autor como «un deses narradores singularísimos da literatura galega». O crítico Manuel Rodríguez Alonso recolle as ondas de Antón Reixa que poñían en relación a novela Silencio coa senda de Kafka, para subliñar o efecto «sorpresa» da novela, xa que «nas primeiras páxinas créanse no lector unhas expectativas que pouco teñen que ver co que será o miolo fantástico e kafkiano do relato», subliñando a «acertada gradación» do relato. Finalmente, asegúrase que se trata dunha «novela curta perfectamente conseguida con esta mestura de realidade, mesmo novela reportaxe, e fantasía nun ambiente kafkiano e de pesadelo surrealista».

Ora, sen dúbida, o máis salientable resulta esa sensación de desacougo que a novela consigue provocar nos lectores, esa especie de «opresión no corazón» que subliñaba a blogueira e profesora de literatura Gracia Santorum na súa bitácora Trafegando ronseis. Esa mesma sensación sentiuna o crítico e xornalista Ramón Rozas, que sinalaba en Twitter a tensión que a lectura de Silencio lle supuxo. A súa recensión crítica, ademais, pon o dedo no centro da intencionalidade da novela: «O libro ademais deixa no aire esa sensación de inconexión entre os habitantes das cidades, tan pegados vivimos que moitas veces o que acontece ao outro lado dunha parede parece estar moi afastado de nós, cando son apenas uns centímetros os que nos distancian das situacións máis insospeitadas».