A conmoción que busca «Silencio», unha novela de intriga para inquietar os lectores e lectoras xuvenís
Ás recensións xa coñecidas sobre a novela Silencio, de Fran Alonso (como as publicadas no seu día polo músico e escritor Antón Reixa, ou os críticos Francisco Martínez Bouzas e Xosé Manuel Enríquez, Xoán Acuña ou Susana Fernández de Gabriel) súmanse agora as suscitadas pola aparición da novela na colección Fóra de Xogo, na procura dun público lector distinto para o que suporá un reto enfrontarse a unha novela de intriga e suspense que, ademais, propón unha mirada inusitada ás cousas estrañas e inesperadas que se agachan detrás da nosa realidade cotiá.
O propio Francisco Martínez Bouzas asoma novamente ao libro, calificándoo de «pequena alfaia literaria» e definindo ao seu autor como «un deses narradores singularísimos da literatura galega». O crítico Manuel Rodríguez Alonso recolle as ondas de Antón Reixa que poñían en relación a novela Silencio coa senda de Kafka, para subliñar o efecto «sorpresa» da novela, xa que «nas primeiras páxinas créanse no lector unhas expectativas que pouco teñen que ver co que será o miolo fantástico e kafkiano do relato», subliñando a «acertada gradación» do relato. Finalmente, asegúrase que se trata dunha «novela curta perfectamente conseguida con esta mestura de realidade, mesmo novela reportaxe, e fantasía nun ambiente kafkiano e de pesadelo surrealista».
Ora, sen dúbida, o máis salientable resulta esa sensación de desacougo que a novela consigue provocar nos lectores, esa especie de «opresión no corazón» que subliñaba a blogueira e profesora de literatura Gracia Santorum na súa bitácora Trafegando ronseis. Esa mesma sensación sentiuna o crítico e xornalista Ramón Rozas, que sinalaba en Twitter a tensión que a lectura de Silencio lle supuxo. A súa recensión crítica, ademais, pon o dedo no centro da intencionalidade da novela: «O libro ademais deixa no aire esa sensación de inconexión entre os habitantes das cidades, tan pegados vivimos que moitas veces o que acontece ao outro lado dunha parede parece estar moi afastado de nós, cando son apenas uns centímetros os que nos distancian das situacións máis insospeitadas».
Debe estar conectado para enviar un comentario.