A colección de literatura xuvenil Fóra de Xogo publica «Silencio», de Fran Alonso
A novela Silencio, de Fran Alonso, acaba de ser publicada na colección Fóra de Xogo, unha colección de Xerais dixida ao público xuvenil. Silencio, escrita en 1995 e publicada na editorial Nigra, reeditouse en 2001 na colección Xerais Peto.
Trátase dunha novela de intriga e suspense protagonizada por xornalista galego, duramente castigado polo poder, ten que emigrar a Madrid na procura de traballo. Nesa cidade aluga un piso vello e enigmático e, sen querelo, vese envolto nunha situación kafkiana. Da vivenda do lado proceden os estraños ruídos do silencio.
A través dunha atmosfera inquidante, Silencio configúrase como unha novela de suspense, suspense que se intensifica de forma vertixinosa para presentarnos unha historia próxima ao misterio e ao desacougo urbano. Segundo escribiu Antón Reixa en La Voz de Galicia, Fran Alonso, «como moitos narradores sabios e humildes de todo o mundo, segue o legado de Kafka».
Con esta novela descubrimos o arrepío que habita no ser humano contemporáneo con só rañar uns centímetros na cotra do cotián, na nosa vida doméstica. Coa súa capacidade habitual para transportarnos aos lugares máis sorprendentes e cun estilo directo, breve e conciso, en Silencio Fran Alonso non deixa lugar para o respiro.