Video-lectura do comezo de «Contos nerviosos»

Lectura_nerviosos

Video-lectura de Fran Alonso das primeiras páxinas do seu libro infantil Contos nerviosos, que acaba de publicar Embora edicións (2016). A lectura correspóndese coa primeira das catro historias, que leva por título «O caso de Amelio», protagonizada por un neno alérxico ao ruído.

Contos-nerviosos-pequena

 

Contos nerviosos conta catro historias distintas, presididas pola imaxinación, que exploran a fronteira entre a realidade e a ficción, e entre a realidade e o mundo virtual dentro do ámbito urbano e da cultura infantil contemporánea. As historias están unidas entre si por pequenas chiscadelas a xeito de ligazóns, así como polo territorio literario Cabrafanada. Nas historias por veces suceden acontecementos tan disparatados que os propios contos se poñen nerviosos. Estes Contos nerviosos están protagonizados por Amelio, un neno que ten unha estraña alerxia ao ruído; por unha nena sen nome que ten unha amiga xirafa en Cabrafanada e recibe mensaxes misteriosas; por un neno que descobre que os videoxogos poden converterse en realidade e por Raíña, unha nena moi fachendosa que se enfada moito na festa do seu aniversario.