Unha versión anovada do poemario infantil «Cidades» sairá á luz en xaneiro de 2013

CidadesO poemario infantil Cidades, de Fran Alonso será reeditado en xaneiro na colección Sopa de Libros con ilustracións do propio autor, incluída a da cuberta, nunha versión ampliada e revisada, que inclúe novos poemas. Para realizar as ilustracións, Fran Alonso botou man da fotografía e da súa manipulación con programas informáticos a fin de facer fluír a súa propia creatividade plástica e poñela ao servizo da creación literaria. Cidades publícase na serie infantil de Sopa de Libros «a partir de 10 anos», e prolonga o tramo de idade iniciado con outro poemario, o libro-disco, de carácter interactivo, O meu gato é un poeta, que está incluído nesa mesma colección na serie «a partir de 8 anos». A estes dous libros únese a antoloxía Poetízate, publicada na colección Fóra de Xogo, que estes días alcanza a súa 10ª edición, logo de sobrepasar os 10.000 exemplares vendidos.
Por outra banda, a tradución ao castelán do poemario de Fran Alonso, Ciudades,  que publicou Espasa Calpe en 1998, verá a luz da man da editorial Kalandraka, tamén nunha edición revisada e actualizada polo autor, a finais de 2013.
Recoñecido e unanimamente aplaudido, Cidades converteuse nestes anos nun referente da poesía infantil debido, segundo a crítica, á súa vocación de actualizar temas e formas. No libro, entrañable e intimista, a cidade convértese nun ser vivo, o asfalto adquire vida, e a soidade e a rutina énchense de cores, olores e sabores. A través dun alento poético fondo e sincero, descúbrenos a emoción que latexa nas rúas e deita unha ollada tenra e rebelde sobre a vida desde a óptica da infancia e adolescencia. Cidades é unha porta para que os máis novos entren na poesía.