Anotación de Ramón Nicolás sobre a presentación da novela «Silencio» no IES de Valadares

Silencio IES Valadares

Ramón Nicolás publicou no seu blog, Caderno da crítica, unha anotación sobre a presentación de Silencio, de Fran Alonso, que tivo lugar no  IES Valadares de Vigo e se retransmitiu por videoconferencia ao IES Saturnino Montojo de Ferrol.

 

Presentación de «Silencio», de Fran Alonso, por videoconferencia

Resultou unha actividade moi interesante, e penso que satisfactoria, a presentación por videoconferencia, a través de skype, da novela Silencio de Fran Alonso, que se realizou, hoxe pola mañá, entre dous centros do ensino público como son o IES Saturnino Montojo de Ferrol e mais o IES Valadares de Vigo, lugar a onde se desprazou Fran Alonso para establecer a base desde a que iniciar o encontro, penso que pioneiro no que se refire á concepción da presentación ao poñer en contacto alumnado e profesorado de centros de ensino medio simultaneamente cun escritor, fóra da realizada -ata onde alcanzo a saber-  hai algúns meses co libro Vento e chuvia de Manuel Gago para a diáspora galega.

      A concepción particular deste modelo de presentación ofrece un gran dinamismo e converte as lectoras e lectores en auténticos protagonistas do encontro ao dispor, con inmediatez, da posibilidade de saciar a curiosidade que algúns aspectos da lectura lles puido suscitar, mais tamén é o espazo acaído para intercambiar opinións e pareceres, confirmar intuicións e compartir comentarios a partir dunha lectura común dun xeito que, en aparencia, pode semellar complicado pero que na realidade non é en absoluto.

     Teño para min que a idea que Fran Alonso puxo en práctica hoxe, á que contribuíu imprimíndolle unha dinámica áxil e efectiva, pode ser un camiño moi suxestivo para ampliar máis a presenza do libro galego nos centros de ensino e potenciar o diálogo e o debate desde unha obra literaria, aplicando recursos das novas tecnoloxías. O resultado da experiencia, desta primeira experiencia, foi a todas luces fantástico. Grazas a quen o fixeron posible: ás comunidades docentes dos dous centros públicos, a Edicións Xerais, a Fran Alonso e, claro é, ás lectoras e lectores, sempre tan entusiastas.

Ramón Nicolás