Un poemario transgresor cun potente contexto gráfico: «Poemas birollos para ler cos ollos». Anotación no blog de Antonio García Teijeiro: Un convite a deitar os sentidos e deixarse levar pola maxia

O escritor Antonio García Teijeiro publicou no seu blog Versos e Aloumiños unha anotación sobre o libro de poesía infantil Poemas birollos para ler cos ollos, de Fran Alonso, ilustrado e deseñado polo propio autor.

 

«Poemas birollos para ler cos ollos», unha proposta suxestica coa oralidade e a poesía visual como base

Di Fran Alonso que a poesía para as primeiras idades está moi apegada á tradición e que queda na convención. Que esquece que hai unha parte importante da poesía que é gráfica, é dicir, que se pode ler coa vista, como se fose un cadro. E considera que debido ao déficit na incorporación da poesía visual e doutros achados importantes, o seu discurso vai por outro camiño para facela máis divertida, máis próxima á sensibilidade das nenas e nenos de hoxe.

Acaba de ver a luz un poemario da súa autoría: Poemas birollos para ler cos ollos (Edicións Xerais. Col. Sopa de Libros) É este un poemario transgresor que habita nun potente contexto gráfico. El é o responsable do texto, do deseño e das ilustracións do libro. Evidentemente as dúas bases desta obra dirixida aos primeiros lectores son a poesía visual e a oralidade e bota man, xa que logo, de cancións infantís, arrolos, sortes… revisadas e actualizadas (Unha dúas  tres / suma outra vez / ciranda cirandiña / suma unha galiña / cigalla migalla / suma e nunca falla…)

     Poemas birollos para ler cos ollos é unha proposta sorprendente, que moderniza o xénero e non se pode entender sen ler coa vista, si, pero tamén te empurra a gozar das palabras e a súa disposición no espazo, salientando a forza das formas que non deixan indiferente.
      Cada páxina é un convite a deitar os sentidos do lector ou lectora e deixarse levar pola maxia das palabras (cos seus enxeñosos tipos de letras), das cores e dos obxectos que voan polo ceo particular das composicións.
     Afirma Fran Alonso que se inspira, sobre todo, na súa intuición e non agocha o seu desexo de buscar novos camiños. Abofé que os atopa e pon a disposición do lectorado poemas divertidos e lúdicos para un maior pracer desas nenas e deses nenos que precisan dunha boa poesía infantil.
 
     E por se non chegase con todo isto, inclúe o libro unha ligazón a un videoxogo, porque cre o autor “que a poesía de hoxe tamén debe ter algo de videoxogo (e neste libro a relación é moi evidente), de interacción, de conexión, de desafío”.
     Unha proposta, pois, que pode enganchar os pequenos e os adultos, e así, en conxunto, desfruten da palabra de tradición oral e da visualidade que a poesía pode atinguir.