Un poemario fundamental para a poesía galega máis recente: «Cidades». Crítica de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou en Caderno da crítica unha recensión sobre a reedición de Cidades, de Fran Alonso.

«Cidades», de Fran Alonso

Hoxe  lembrei a relectura que fixen hai poucos días deste poemario,Cidades fundamental para a poesía galega máis recente, como é Cidades de Fran Alonso. O texto do escritor vigués, e esta reedición é a mellor proba, aséntase como un dos textos referenciais da poesía contemporánea para a infancia mais non só por un, pois como lector adulto non deixa de gorentar, e advertir novos matices, cada vez que me achego a estes poemas.

      O corpus textual acompáñase nesta ocasión -e talvez sexa a edición esteticamente máis conseguida de todas as que se deron a coñecer- dun conxunto de atractivas ilustracións do propio autor que case adxectivaría como luminosas, inspiradas en fotografías tratadas informaticamente, o que lle outorga ao libro unha plasticidade e unha viveza que cómpre sentir e coñecer.
   O volume, agás algún poema reescrito e outros novos, testemuña esa postura que abrazou hai anos Fran Alonso ben explicitada en poemarios para abrir ou insinuar camiños distintos, próximos, heterodoxos operativos para quen comeza -ou pode comezar- a gozar da linguaxe poética, nese ronsel ao que cronoloxicamente logo se sumarían A araña e mais eu ou O meu gato é un poeta.
     Cidades, así pois, segue a ser un poemario tan fresco, irreverente, tenro e divertido como na súa primeira edición de mediados dos anos noventa. Amosa como a vertente lúdica e participativa na poesía -esencial para o lectorado ao que se dirixe- non ten porque estar enfrontada coa percepción e o tratamento de asuntos como a soidade, a incomunicación, a solidariedade e outros máis, entre o que salienta, loxicamente, ese fío común que é o tratamento outorgado ao espazo urbano (o particular do autor ou aquel que se queira imaxinar) que, en tantas ocasións resulta conmovedor.
   Parabéns por esta nova edición, tan fermosa, á que lle desexo a mellor das sortes posibles.