Un libro marabilloso, de prosa áxil, tinguida de lirismo, co que Fran Alonso volve poñer patas arriba a concepción literaria. Crítica de Romina Bal

brabadegos

O portal de literatura infantil e xuvenil Brabádegos, de Romina Bal, publicou unha crítica sobre Contos nerviosos, o último libro de literatura infantil de Fran Alonso, publicado pola editorial Embora e ilustrado por Dani Padrón.

 Contos nerviosos

Un bosque de margaridas

Contos-nerviosos-pequenaContos nerviosos é o novo libro de Fran Alonso ilustrado por Dani Padrón. Edítase en Edicións Embora e vai dirixido a lectores autónomos, é un libro marabilloso que fai uso dunha prosa áxil, tinguida de lirismo e cargada de imprevistos. Contos nerviosos son, como o seu nome indica, narracións breves dotadas de axilidade e ritmo, contos sorprendentes pola súa temática e por como se abordan os personaxes, como se nos presentan; son nubes violetas con forma de lambetada que non impiden que nos acariñe o sol. A acción desencadéase sempre desde un concreto que provoca, que remexe, que sorprende un protagonista que non sabe, que busca unha solución, que transita por mundos paralelos. Esa inquietude, ese nerviosismo que contaxia o lector é o que fai único, xa que convida a soñar, a mergullármonos nunha realidade infantil, na mentalidade infantil, na perspectiva dunha cativa e na súa percepción da realidade. O mundo virtual, ese presente incerto polo que camiñamos, o avance do mundo tecnolóxico son características que destacan. Os problemas, a evasión necesaria, a cidade, o diferente, Contos nerviosos é un todo, unha maxestosa forma de tratar a literatura, unha revisión necesaria da forma de concibir.
Fran Alonso volve ser un valor seguro, con selo propio, volve poñer patas arriba a concepción literaria, revoluciona unha vez máis o concibido e achega esa dose de frescura necesaria, acompañándoa, unha vez máis, de sentido do humor e de maxia necesaria. Dani Padrón, un grande da ilustración, confírelle o toque irreverente,

faise eco do surrealismo marabilloso da prosa de Fran Alonso, achega personalidade e constrúe maxistralmente un mundo de deseño virtual que foxe da realidade a través dun laberinto de detalle.

En conxunto, é unha obra que salientamos destacadamente, que cremos digna de recoñecemento e de recomendación. De Fran Alonso, incluída a súa maxistral Poetízate (libro imprescindible no ensino), recomendámolo todo, tamén a súa web e esta entrevista sobre a obra no Zig zag da TVG.
Atrevédevos a mergullar no mundo da Cabrafanada, tamén está nunha das tres historias deste libro, e, para saber de que van, debes ler, fíate de nós, vas alucinar!