Un estudante do IES de Lalín le e recensiona 5 libros de Fran Alonso

A punta de pistola

Un alumno de Secundaria do IES de Lalín, David González Sampayo, leu e recensionou cinco libros de Fran Alonso durante o curso escolar 2014/2015. Reproducimos, a continuación as súas opinións sobre os libros que leu: Silencio, A punta de pistola, Cemiterio de elefantes, Cartas de amor e Males de cabeza.

 

Silencio

As estelas dos ronseis. Comentario de David González

Esta historia de Fran Alonso gustoume bastante, pero non tanto como A punta de pistola. O que máis me gustou de “Silencio” foi que a narración ten, dalgún  xeito, forma de relato autobiográfico e está escrita en 1° persoa. Outro aspecto desta obra que xa me gustara noutra obra de Fran Alonso, é a capacidade que este ten para crear dúas historias nunha e enlazalas perfectamente.

 

Silencio (2014), 3ª ed

Esta historia posúe, desde o meu punto de vista, un gran realismo, xa que a

historia trata dun tema totalmente real, como son a crise económica pola que pasamos e sobre todo a falta de liberdade de expresión da que moitos carecemos debido a certos réximes políticos. Que non teñas traballo é deprimente, pero que non te poidas expresar libremente, é o colmo dos colmos.

Os xéneros principais desta obra son a intriga, un chisco de terror e suspense. Estes tres sentimentos vense avivados, sobre todo, cando o protagonista se atopa polas noites no seu desacougante piso, e escoita voces e ruídos que chaman aos espíritos, desde o piso dos seus peculiares veciños. Outra situación na que se poden percibir tanto terror como suspense, e tamén bastante asco; son os momentos nos que o protagonista sobes no ascensor cos fillos do veciño e estes lles mostran sisos de animais mortos, que van destinados ao seu xantar.

Os personaxes son descritos dunha forma bastante detallada e precisa, incluso os que son máis ben, secundarios, como os amigos do protagonista. Tamén se debe dicir que, quitando dous ou tres, o resto de personaxes son raros e peculiares.

En canto ao final, este pareceume á súa vez orixinal e inesperado, pero, a pesar destes dous factores, gustoume. En definitiva a historia non me defraudou.

 

 

A punta de pistola

As estelas dos ronseis. Comentario de David González

A punta de pistola”  foi unha das historias máis interesantes que lin. Esta narración entretívome, entre outras cousas, porque os feitos que transcorren nela son do meu estilo, persecucións policíacas, intriga, moita acción, o secuestro dos pais aos seus fillos no Centro de Acollida, etc. É a primeira vez que leo a Fran Alonso, e seguireino a ler.

A punta de pistolaAo principio, nos primeiros capítulos, non entendía que un capítulo falase da historia do Varas da súa muller, Rica, e do secuestro dos seus fillos e que o outro capítulo falase da camioneira licenciada en Económicas, que tiña como exemplo a Celia Rivas, pero, ao ir avanzando na historia os feitos íanme cadrando ata descubrir que eran dúas historias moi relacionadas cun mesmo final. Dúas historias nunha. Esta foi a primeira vez que lin unha historia que combinase dúas narracións paralelas.

O personaxe que máis me gustou e co que máis me identifiquei, foi coa camioneira que tiña como exemplo a Celia Rivas. Este personaxe encantoume pola seu espírito de ambición e loita, ademais, ela nunca se conformaba co xusto, sempre ía máis alá, superándose día tras día porque para ela nada era imposible, e eu igual ca ela sempre me intento superar tanto no ámbito escolar coma no deportivo.

Os feitos que se desenvolven na historia están bastante relacionados cos tempos de agora, xa que ben sexa pola crise ou ben polo desatendemento dos pais, hai moitos rapaces e rapazas que viven e se alimentan en condicións nefastas, aparte do desatendemento das da hixiene  corporal.

Ao final, para o meu gusto, fáltalle chispa. A min gústanme os finais cerrados onde se especifican de forma precisa como rematan os feitos dos personaxes pero neste caso o autor non concreta os feitos que lle ocorrerán no futuro e iso déixame unha sensación de intriga agridoce.

 

Cemiterio de elefantes

As estelas dos ronseis Comentario de David González

Cemiterio de elefantes é un fantástico e marabilloso libro, no que se fai unha viaxe ao interior da noite viguesa. Este libro posúe unha estrutura semellante a outro libro de Fran Alonso, A punta de pistola. Estes dous libros parécense na combinación de varias historias nunha soa e tamén na forma de unilas.

Cemiterio de elefantes

Coma en case todos os libros deste gran autor a lingua é sinxela, pero a súa vez, cargada de gran significado. Unha das cousas que máis admiro desta obra é gran variedade de temas que o seu autor introduce nun libro de tan só cen páxinas.
Este libro, na miña opinión, transmíteche a idea de que é unha especie de entrevista as persoas que traballan durante a noite e tamén ás que saen de festa e de marcha.

A historia posúe un gran realismo, xa que os personaxes das historias poderian ser calquera de nós, os lectores da obra. Outro detalle polo cal a obra posúe, para o meu gusto, un gran realismo é pola detallada descrición que se dá sobre o lugares onde transcorren as accións e sobre os personaxes que protagonizan cada un dos relatos.

É un libro que me sorprendeu porque algunhas das escenas que posúe son bastante calafriantes e póñenche a pel de galiña, como por exemplo, cando no primeiro capítulo un home intenta violar a unha muller ou coma no cuarto no que o dono dun bar atopa a un cliente tirado no baño despois de meterse droga cunha xiringa. Todas elas son situacións que che fan reflexionar, cousa que creo que quería conseguir o autor con este libro. Por outra parte nesta obra denúnciase a pouca consideración da que gozaban as mulleres nunha sociedade machista.

En definitiva, foi un dos libros optativos de todos os que levo lidos, case todos de Fran Alonso, dos que máis me gustou en canto a súa estrutura, a súa linguaxe e, sobre todo, en canto ao seu real e intrigante contido.

 

 

Cartas de amor

As estelas dos ronseis Comentario de David González

“Cartas de amor” é un libro de Fran Alonso, que é moi interesante e sorprendente. Neste libro resáltanse e reivindíncanse distintos valores e trátanse temas,como, a inmigración, a época franquista, a integración social, a violencia ou a prostitución. Estes temas son tratados nas distintas cartas en que se divide esta historia. Como dixen anteriormente, esta é unha historia bastante sorprendente porque cando lemos o seu título, na nosa cabeza

Cartas de amor

créase unha idea sobre cal vai ser o tema principal da historia pero cambia comezamos a ler, esa idea esvaécese. Outra cousa pola que me gustou esta historia foi polo detallada descrición que se dá da ambientación e dos personaxes.

Eu recomendaríalle este libro á xente da miña idade porque é unha historia curta e fácil de ler, cun léxico sinxelo. Outro motivo polo que recomendaría este libro é polo gran realismo que este posúe, debido a que cando estás lendo, ás veces pónseche a pel de galiña porque un é consciente de que o que está lendo, o atopa ao saír pola porta da casa. O último aspecto polo que recomendaría esta libro é polo pouco pesada que se fai a súa lectura, xa que o seu autor conssegue que queiras seguir lendo ata o remate da historia.

A carta que máis me gustou de todo o libro foi “Ilegal”, a primeira carta do libro, xa que nela se expresaos esforzos e os sacrificios que fai unha muller inmigrante por darlle unha boa e grata vida ao fillo que ten no seu ventre e está a piques de nacer. Entre estes esforzos e sacrificios atópanse arriscar a vida e superar os límites da legalidade, para loitar pola súa propia dignidade.

Case todas as cartas, por non decir todas, teñen un detalle que me gustou. Ese detalle é o final cerrado que teñen todas, porque a min gústanme os finais nos que se especifica, cal é o remate duns feitos; esto anterior xa o veño dicindo en comentarios pasados.

 

 

Males de cabeza

As estelas dos ronseis Comentario de David González

“Males de cabeza” é un libro de Fran Alonso, que está composto de varios historias moi interesantes e divertidas, nas que un dos temas principais é a loucura que percorre o corpo de todo ser humano. Eu recomendaría esta historia porque é fáciil de ler e cun léxico non moi complicado. Con todo, deste libro tamén saco algúns datos negativos, como, o pesadas que se fan algúns dos relatos pola súa grande extensión e polo enrevesados que se poden chegar a facer. Seguindo estos datos vou destacar catro relatos: os dous que máis me gustan e os dous que menos. Positivamente vou destacar

Males de cabeza

“A señora Lola” e “05 AM (Vigo)”; mentres que negativamente vou facer referencia a “Coma vostede e coma min” e “O ceo amarelo”.

“A señora Lola” é unha historia curta pero moi productiva e reivindicativa. A pesar da súa pequena extensión nesta obra faise referencia ao machismo dalgunha sociedade e á impotencia da muller para actuar. No relato o tema principal é unha muller que traballa todo o día e leva un soldo á casa, e cando chega á casa o seu home pídelle que faga a cea, a pesar de levar todo o día deitado no sofá. Por esto e polo interesante que é a obra, esta foi unha das mellores do libro, para min.

Outra das obras que máis me gustou foi “05 AM (Vigo)” porque trata un tema moi actual e este relato, tamén é moi realista. O tema principal da historia son os efectos que causan as drogas sobre unha persoa, entre os que se atopa a perda da cordura. Cando falo de realismo refírome a que se saes de madrugada á zona de marcha dunha cidade, atopas moitos chavales que se atopan baixo os efectos das drogas e o alcohol.

Sobre “Coma vostede e coma min” e “O ceo amarelo” vou facer unha reflexión conxunta porque foron as dúas obras que menos me gustaron. Os motivos polos que menos me gustaron foron porque me pareceron unhas obras moi aburridas e decepcionantes, en definitiva, unha tontería. Creo que estas dúas obras  non merecen estar nun libro medianamente interesante e divertido. Tamén debo dicir que estas son as dúas obras nas que, na miña opinión, se expresa a tolemia no seu grao superlativo, xa que na primeira un home cre máis necesaria a alimentación dos seus cans cá súa e na segunda, un home ve o ceo amarelo pensando que ten hepatite e, finalmente, esa cor débese a que se vai producir unha chuvia de fideos.