Reinventarse en cada entrega literaria: «Terraza», de Fran Alonso. Crítica de Manrique Fernández

Cartelo_Terraza

A web de Comarcas na Rede publicou unha recensión crítica de Manrique Fernández sobre o libro de poemas Terraza, de Fran Alonso.

 

 

Fran Alonso, Terraza

Fran Alonso ten a teima de reinventarse con cada entrega literaria, sempre á procura de novas canles expresivas e novos xeitos de mudar a realidade máis achegada a través, a miúdo, do verso. Neste caso, ‘Terraza’ presenta unha colección de poemas que teñen en común un espazo físico cotián, como é a terraza dun bar nunha cidade (Vigo), e unha maneira de entregarse ao verso natural, sinxela e desprexuiciada. De feito, ben poderiamos definir este libro como unha especie de diario poético no que o autor nos conta como a vida flúe ao seu arredor mentres disfruta dun café nunha terraza nos albores do outono.

Deste xeito asistimos ao voo das pombas ao noso arredor na procura dalgunha migalla que aproveitar, ou ao ruído das motocicletas que surcan a rúa, aos movementos na parada de autobús preto da terraza, a esa pinga salgada de mar que se deixa ver entre os edificios da cidade, as conversas dos veciños de mesa… Noutras palabras: ao decorrer da vida dende a perspectiva dun mero espectador.

‘Terraza’ é un libro afable, sen acritude nin afán crítico ou de denuncia, malia que non por iso deixa de amosar algunha que outra ferida. Pero cando esas feridas aparecen fano como parte do adobío habitual da vida, non con afán reivindicativo. Clientes de idade avanzada en cadeiras de rodas, rapaces pegados a un móbil que os aílla do mundo… Son parte dunha sociedade en permanente remuda que o poeta debuxa dende a cadeira da cafetería dun xeito singular e sorprendente.

E se o enfoque deste libro resulta curioso, non o é menos a metapoesía que agocha entre os códigos QR espallados por todo o texto, nos que o autor nos remite a imaxes, vídeos, sons, tuits, novos versos ou calquera outra virtualidade que considere axeitada para mergullar ao lector no seu mundo lírico. Fran Alonso, de espírito infantil, gusta de enredar coas redes sociais e as novas ferramentas de comunicación. De feito, algúns dos chíos aos que nos remite ‘Terraza’ pertencen a ese outro proxecto que chama ‘Estado de malestar’, consistente en tuitear cada día un poema en menos de 140 caracteres.

 Manrique Fernández

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CAPTCHA Image

*