A novela negra «A punta de pistola» consolida a súa vocación de crear intriga e publícase a 3ª edición

Apunta3b

Acaba de ser publicada a 3ª edición da novela negra de Fran Alonso A punta de pistola, unha novela editada na colección Fóra de Xogo, que constitúe unha reflexión en torno á educación familiar e social, á marxinación, á infancia, á paternidade e ao papel da muller, entre outros temas, dentro dunha trama de suspense e intriga con moita acción. A novela pode lerse tamén en formato dixital dentro do catálogo de Xerais.

A punta de pistola

A crítica literaria Mª Jesús Fernández escribiu na revista Clij (Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil que a novela A punta de pistola  conxuga realismo e crítica social, constituíndo a novela «un interesante ejercicio sobre la voz del relato, ya que se utilizan la primera, la segunda y la tercera pesonas narrativas. Tiene también estructura fragmentaria y distribuye la acción en tres planos que se van intercalando y confluyen en un desenlace común».

A novela A punta de pistola ábrese cunha escena de ritmo trepidante: un delincuente de pouca monta, coñecido como O Varas, e a súa muller, Rica, acoden a un Centro de Acollida Familiar para ver os seus fillos, baixo a tutela dos servizos sociais. Unha vez alí, secuéstranos e lévanos a punta de pistola. Así comeza unha frenética fuxida. Ao tempo, outra historia transcorre en paralelo: a dunha camioneira emprendedora, culta e licenciada, que conduce e escribe nun blog. A camioneira, admiradora da vida da fisterrá Celia Rivas, a primeira muller en conducir un camión, en 1932, supón un contrapunto máis intimista á desenfreada fuxida que protagoniza a parella de secuestradores.