Protagonismo feminino coraxoso nunha novela á altura da obra de Fran Alonso: «A punta de pistola». Crítica de Francisco Martínez Bouzas

Francisco Martínez Bouzas publicou no seu blog Novenoites unha recensión crítica sobre A punta de pistola, de Fran Alonso, Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia.

«A punta de pistola», interesante novela serial

Nesta novela, A punta de pistola,aposta Fran Alonso pola literatura serial, e faino transformando a realidade en ficción, “unha novela de ficción aparentemente verosímil”, como declara o mesmo autor. Un reto, a súa incursión no xénero folletinesco, de ningunha maneira doado, porque estamos diante dunha caste de literatura que aspira a manter o interese dos lectores co artificio do argumento e coa estratexia editorial da súa publicación diaria nun xornal, axustándose ás bases do certame no que concursou a novela, o XII Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia. Un condicionamento  que actúa sobre todo verbo da estrutura da novela, necesariamente fragmentaria ou milimetrada en canto á extensión de cadanseu  dos seus trinta e un capítulos.
   E abofé que Fran Alonso superou o reto, ao menos segundo o criterio do xurado do devandito Premio. O exercicio de contención, que en efecto conduce á cerna da literatura, obriga a deixar de lado todo aquilo que é secundario para converter en ficción  un suceso real e manter o interese dos lectores mediante un axeitado exercicio de tensión narrativa que medra en cada secuencia, levando ademais a literatura á rúa, a lectores de xornais que quizais non lean libros.
   Vaia por diante, antes de máis,  a miña consideración como lector da escrita de Fran Alonso, tanto nos eidos narrativos como na poesía e nas reportaxes xornalísticas. Fran Alonso, especialmente na súa narrativa, sabe mergullarse nalgunha da doenzas e lacerías máis abraiantes da sociedade actual. E nalgunha das súas novelas faino dun xeito atípico e orixinal, botando man de tramas novidosas (o mundo dos camioneiros, os territorios da loucura, o illamento social…). E asemade por medio de canles narrativas pouco “ortodoxas” ou novidosas, como tal, no seu libro de relatos Males de cabeza. Endalí que con razón a obra de ficción de Fran Alonso teña sido etiquetada como a dun visitante ocasional da narrativa metaficcional que renega de categorías narratolóxicas canónicas como a do narrador e a do personaxe.
   Non ten lugar tal desviación das pautas canónicas nesta súa novela por entregas que é, porén, moi coherente co seu macrotexto, de xeito especial co mundo do traballo do camión da súa primeira novela, Trailer (1991). Este cronista conmocionado das fendas da posmodernidade, agasállanos en efecto cunha novela serial relevante, que non desmerece, ao meu ver, do resto da súa obra narrativa, e convértese, na miña particular estima, nunha das pezas máis logradas do xa amentado certame literario.
   Saliento entre os seus materias diexéticos e elementos  construtivos o que sigue. A habelencia do autor, capaz de artellar nun relato varios fíos narrativos que corren como secuencias paralelas e contrapostas. Dúas principais e outras dúas secundarias. En primeiro lugar o
deambular sen rumbo e a aloucada e frenética fuxida dunha parella marxinal e fracasada que secuestra os seus propios fillos dun centro de acollida familiar, trasunto literario dun feito real acontecido hai anos en Vigo. O seu contrapunto é o relato a afouteza dunha moza de arestora que dirixe un negocio de transportes e conduce ela mesma un camión a semellanza de Celia Rivas (un dos fíos secundarios), a primeira muller galega que se puxo ao volante dun camión a comezos dos anos trinta do pasado século, homenaxeada nas moitas referencias que lle fai esta camioneira de hoxe que se sinte retratada no espello da coraxosa camioneira de Calvoca (Fisterra). Finalmente, a atoleirada historia de amor, ou mellor dito de sexo, entre unha adolescente e un camioneiro moito maior ca rapaza. O escritor amalgama perfectamente estas liñas narrativas en secuencias paralelas, ás que fai converxer con verosimilitude no desenlace do relato.
   Engádase a todo isto  a acuidade con que se reflicten os modos de vida no mundo de hoxe, en distintos tipos de persoas e ambientes sociais. Un verdadeiro rodopío de intemperies vitais, a desestruturación familiar, o protagonismo feminino coraxoso e autónomo.
   Secasí, novela na que predomina a acción, ateigada de planos cinematográficos, de referencias ás modernas tecnoloxías, con algunha chiscadela a personaxes do macrotexto do autor. Poño por caso, esa señora Lola que fai tortillas no seu bar (páxina 22).
   Apunto no debe do relato de Fran Alonso algunha pequena disonancia: non semella moi verosímil e realista redactar unha tese de doutoramento sen deixar de conducir un camión. Unha pequena eiva que non hipoteca a boa feitura desta peza narrativa moi atractiva tanto para o lectorado adulto como para o xuvenil, artellada coa estética e a lingua deste convulso mundo de hoxe e cuxo eficaz desenvolvemento narrativo anula as distancias que median entre as chamadas baixa e alta literatura.