«Poetízate», a antoloxía de poesía galega feita por Fran Alonso, volve actualizarse e incorpora as voces máis novas na súa 15ª edición

dav

Poetízate

Poetízate, a antoloxía de poesía galega feita por Fran Alonso, é unha antoloxía viva, que o autor revisa e amplía con frecuencia, chegando agora á 15ª edición coa incorporación dalgunhas das voces máis novas da poesía galega: Silvia Penas, Gonzalo Hermo, Ismael Ramos e Tamara Andrés.

Pero isto non é unha novidade desta 15ª edición. Poetízate, un libro que se converteu nunha ferramenta de referencia no ámbito do fomento da lectura, da difusión da poesía e nas bibliotecas escolares, vén sendo revisada e actualizada con frecuencia polo seu autor. De feito, desde a primeira edición a nómina de voces da antoloxía incrementouse en 21 poetas, mulleres e homes, que non figuraban na primeira edición e que denotan un esforzo continuo de renovación. Das 80 voces que a antoloxía contaba na 1ª edición, pasou nesta última, que se acaba de poñer en circulación estes días, a 101 voces moi significativas da poesía galega. A paxinación, en cambio, incrementouse unicamente en 8 páxinas, pasando de 216 na primeira edición a 224 nesta última.

A maior actualización produciuse coa 8ª edición, en xuño de 2011, que incorporaba poemas de Xoán Abeleira, David Rodríguez, Xerardo Quintiá, Elvira Riveiro, Lucía Novas, Daniel Salgado, Dores Tembrás, Xiana Arias, Berta Dávila e Rosalía Fernández Rial.  En 2014 prodúcese unha nova ampliación, coa 12ª edición, e Poetízate enriquécese coas voces de Calros Solla, Olalla Cociña, Verónica Martínez Delgado, María Reimóndez, Andrea Nunes Brións e o propio autor da antoloxía, Fran Alonso. Finalmente, nesta 15º edición as páxinas da antoloxía recollen poemas de Silvia Penas, Gonzalo Hermo, Ismael Ramos e Tamara Andrés.  Ao mesmo tempo, ao longo destes anos, actualizáronse ou cambiaronse algúns dos poemas de autores que xa figuraban en Poetízate, unha antoloxía viva, útil, e en constante proceso de renovación.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CAPTCHA Image

*