Plasticidade case cinematográfica: «A punta de pistola», de Fran Alonso. Crítica de Vicente Araguas

Vicente Araguas publicou nos xornais El Ideal Gallego, Diario de Arousa e Diario de Ferrol (03/02/2013) unha recensión crítica sobre A punta de pistola, de Fran Alonso, Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia.

Literatura de quiosco

Cando falo desta caste de literatura, coa que os quioscos a piques de pechar ou de mudar en tendas de chilindradas, xa se entende que a expresión non é máis que “meliorativa’.
Entre outras cousas porque a literatura ten que chegar a todos os sitios, e ai daquela que pretenda vivir tan soamente das librerías, outros lugares en trance de extinción. Ao menos as de fondo.
Por iso, que aparezan libros como este, que veño de ler con voracidade, básicamente nos medios de trasporte público que son a miña medicina diaria, porque o tamaño (e senso, moito) desta narración de Fran Alonso, “A punta de pistola” (Edicións Xerais, Vigo, 2012), XII Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia, fan moi doadas a súa inxesta e asimilación.
E é que este autor, de novelas tan consistentes como “Tráiler” e “Males de cabeza” ou de libros de poemas orixinalmente radicais, sabe o que se ten entre as mans cando se trata de chegar aos lectores con historias ben narradas, en capítulos breves (eis o caso, lóxico nunha obra “por entregas”) como pilulas, acedas, claro, cal esta historia. Aceda mais ben dourada que para iso o Alonso dispón de recursos. O único problema, se cadra, é poisque esta novela apunta a moitos obxectivos, e dispara aínda a máis, o remate semella un pouco precipitado.
O que fai que a madeira ensamblada en catro subhistorias vaia perdendo algo de cola, ficando o conxunto un chisco desencolado. Porque 134 páxinas non son moita cousa para unha parella “on the run”, Varas e Rica, logo de levarse “a punta de pistola”, aos seus xemelgos, pixie e Dixie (bos nomes, si, señor) dun centro de acollida, unha camioneira”blogger” (que cisma na precursora das mulleres galegas ao volante, Celia Rivas), a filla de Rica, namorada dun nachiño vencellado tamén ao choio do transporte, etcétera.
O mellor de todo, que eu agradezo como lector que primeiro le e logo reseña (o que non é obviedade ningunha, e outro día volverei sobre isto), é a amenidade da narración de Fran Alonso, as súa capacidade de “enganche”, o crible que resultan os seus personaxes, nada cartón-pedra.
Que o conxunto semelle excesivo xa é outra historia. En todo caso esta, a esencial, a que argumenta a entrega de Fran Alonso, ten un aquel de poderío, de plasticidade cáseque cinematográfica e, por suposto, esa amenidade que pide un suxeito coma mín, que aproveita calquera recuncho para seguer lendo. E por suposto autobuses, avión, autos e trens, de cercanías ou longa distancia. Que mesmo sería quen de ler no Nissan Patrol no que Varas e Rica (e Pixie e Dixie) emprenden esa louca fuxida, pistola dourada e todo.
Vicente Araguas