Os manuscritos de Fran Alonso, no Caderno da Crítica

O Caderno da crítica de Ramón Nicolás, que recupera e comenta diversos manuscritos de escritores e escritoras, dedicou dúas anotacións (aos manuscritos de Fran Alonso, anotacións que reproducimos aquí. A primeira foi o 30 de xaneiro de 2013 e a segunda o 5 de marzo de 2013.

Manuscrito: Fran Alonso (I)

Non resultou doado achegar un manuscrito de Fran Alonso a esta sección; e  non o foi porque o escritor vigués é dos que xa non cultivou desde mozo, como explica abaixo, o exercicio da creación literaria a través da escrita a man. Por esa razón agradézolle o esforzo realizado para enriquecer este repositorio textual con varias propostas manuscritas, algunhas construídas á mantenta como esta primeira que chega en forma de carta e que incorporo a continuación coa súa correspondente transcrición abaixo. Nela confesa e pasa revista ás dinámicas creativas en canto a soportes empregados e ofrece unha explicación do material que me fixo chegar e que se compartirá nun vindeiro apuntamento, alén doutras reflexións nas que non falta o bo humor. A miña gratitude outra vez.
 
 

Transcrición:
15/1/2013
Prezado Moncho:
Acudo, por fin, á túa solicitude de manuscritos, aínda que co convencemento de que é imposible satisfacer a túa demanda. Por que? Sinxelamente porque eu non teño manuscritos de ningún orixinal. Desde que existe esa marabilla chamada ordenador, anterior á miña primeira novela, de 1991, son adicto sen remedio a eses aparellos, que por outra banda son a mellor bendición con que os escritores nos demos nos fuciños desde a invención da imprenta (ou mesmo antes). Previamente á miña primeira novela, tampouco existen orixinais, pois daquela eu facía uso dese invento primixenio e antigo denominado «máquina de escribir».
Xa que logo, escribo, non sen facer un esforzo xigantesco, estas liñas a man para dar cumprimento ao teu pedido, así como para darche explicacións do outro material que che envío; a saber:
1. Unha páxina impresa e corrixida a man do meu libro Ninguén.
2. Un listado (manuscrito) das ilustracións que, naquel momento, estaban pendentes de facer para a nova edición do meu poemario Cidades.
3. A nota aclarativa que escribín, a modo de epílogo para este último libro. Non se trata de que renunciase ao ordenador senón de que aproveitei o tempo do meu café da mañá (onde carecía de ordenador) para redactar este texto. Dado que a falta de tempo é unha das miñas ruínas principais, o aproveitamento deses momentos mortos é moi significativo e importante para min. Ora, que non se me asocie, por favor, a esa imaxe romántica e tópica do escritor que escribe nas cafeterías. Eu non teño nada que ver con iso. So teño que ver coa falta de tempo.
En fin, remato xa, facendo túas estas liñas polas que non sinto simpatía ningunha polo esforzo que me supoñen (físico, claro está) e polo temor que me infunde que alguén poida facer unha análise grafolóxica e descubrir escuros e agochados baúis da miña personalidade.
Dito está.
Unha aperta,
[rubricado]

Manuscrito: Fran Alonso (II)

Hai por volta de un mes ocupaba esta sección un apuntamento en que se reproducía unha carta, enviada ad hoc por Fran Alonso, e na que se referenciaba algún material documental e loxicamente manuscrito que tiña a ben acrecentar a carón daquela misiva (unha páxina de Ninguén con correccións do autor e mais unha nota aclarativa de Cidades, a modo de epílogo) . Velaquí a súa reprodución tal e como prometía naquela altura.