O que di a crítica sobre «A punta de pistola»

Da acción á reflexión

Coa súa nova novela, A punta de pistola, o escritor Fran Alonso ofrécenos un libro para todos os públicos que recibiu o Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia. Novela de acción, con elementos de road movie ou de novela negra, pero que tamén suscita unha reflexión en torno á desestruturación familiar, a educación ou a marxinalidade, A punta de pistola publícase na colección Fóra de Xogo e está a ter unha magnífica acollida. 
En palabras da crítica Laura Blanco, o seu «ritmo enérxico fai que o lector se enganche dende o primeiro momento a unha historia con retallos cinematográficos». No mesmo sentido manifestouse na súa recensión Xosé Manuel Eyré, que asegura que «pouco máis se pode pedir dunha novela de formato breve, que é quen de conxugar unha historia trepidante, tan realista como negra (…), unha historia emocionante que, moi calculadamente, demanda por parte do lector unha visión crítica, contrastiva, participativa na sociedade e na lectura, lonxe da lectura espectáculo que no punto e final tiña a súa consumición e consumación». No ritmo da novela, que en palabras do crítico Manuel Rodríguez Alonso fai que «o remate de cada capítulo é unha invitación para desexar con avidez a lectura do seguinte», tamén incide Ramón Nicolás na súa crítica de La Voz de Galicia: «Teño para min que este ritmo é un  dos elementos máis salientables da novela de Fran Alonso pois a súa  posta en marcha resulta espectacular».
E, canda estes aspectos, a crítica resalta a reflexión que a novela quere provocar en torno á desestruturación familiar ou social, ao valor da educación, á igualdade de xénero, á innovación, ao maltrato na infancia, ás novas tecnoloxías ou á marxinalidade social.