No ronsel de Poe, Kafka, Ferrín e Auster, unha peripecia extraordinaria raiana co absurdo: «Silencio», de Fran Alonso. Anotación de Ramón Nicolás

Ramón Nicolás publicou no seu blog, Caderno da crítica, unha anotación sobre a novela Silencio, de Fran Alonso, publicada na colección Fóra de Xogo.

 

 

«Silencio», de Fran Alonso

Reler esta oportuna reedición de Silencio, inatopable desde hai algún tempo, supón para min unha regalía. Por un lado, e sen dúbida o que é máis relevante, porque facilita reencontrarse coa escrita de Fran Alonso; polo outro porque posibilita evocar o percorrido dun libro que tiven a fortuna de seguir de preto ao asistir aos pasos que conduciron a publicarse na colección «Tusi Tala» do selo editorial vigués Nigra Imaxe, serie que coordinei durante os dous ou tres anos que gozou de vida. Tempo despois, cando Silencio se incorporou como un volume da colección «Xerais Peto», convidóuseme a incorporar un limiar para aquela edición (2001) e, como sigo subscribindo o que daquela afirmaba, permítome reproducir -cunhas mínimas modificacións- uns parágrafos do prólogo: concretamente os que fan referencia a algunhas características que advertía no que daquela era a  obra de Fran Alonso, xunto coa miña lectura particular de Silencio. Vólvolle desexar agora,  neste novo abeiro que lle proporciona a colección «Fora de Xogo», revisado e con nova cuberta de Antonio Seijas, unha nova e feliz andaina.

[Silencio] non pode nin debe pasar desapercibida nese macrotexto global que o autor vén construíndo con vagar desde o ano 1991 pois, alén do interese estritamente literario que presenta, nel espéllanse os trazos recorrentes que a  achega de Fran Alonso ás letras contemporáneas comporta: velaí, entre outros, ese abalo e devalo entre xéneros aos que se pretende desposuír do seu espírito canónico; o peso e preeminencia  nada disimulada das paisaxes urbanas -do que este libro é bo exemplo-, a preocupación polo tecido e dimensións das relacións persoais, pola incomunicación e pola soidade da condición humana contemporánea.  A isto cómpre engadir certa tendencia á reflexión acusada sobre as reaccións que se advirten en multitude de personaxes sometidos, ás veces, a condicións extremas; reflexión entretecida con ese iterativo ton melancólico, por veces desencantado, por veces exhibindo unha vea irónica próxima ao sarcasmo […].

      Silencio resulta un inmellorable expoñente de todo o sinalado anteriormente e mesmo aínda é algo máis. Silencio é unha fuxida, unha fuxida dun protagonista-narrador innomeado que volve a ollada ao mundo do xornalismo, non como pano de fondo senón como un dos motivos trascendentes da novela. Aquel protagonista, envolveito nunha trama de presións, aldraxes e humillacións, represaliado  por mor dun traballo desenvolto en Galicia, ten que desprazarse a Madrid e recomezar alí a súa traxectoria profesional. Nesta situación de aballoamento e desemparo vese implicado, subsumido, nunha peripecia extraordinaria raiana co absurdo, co esotérico tamén, no que salienta o tratamento outorgado á vida do día a día -unha auténtica alegoría, tamén, da actual vida urbana- que se vai mesturando co irracional, co ilóxico, por veces co inverosímil…, o que obriga apurar as páxinas para chegarmos á resolución final nun inevitable percorrido ascendente ao que contribúe ese único punto de vista do narrador protagonista, que ao tempo vai avisando do seu crecente estrago psicolóxico provocado por esas inclinacións esotéricas e culinarias tan peculiares dos seus veciños […], deseñando, en fin, unha espiral que engole ao protagonista pero tamén a quen le.

      O espazo da novela érguese en Silencio como un dos elementos que deseñan ese estado de ánimo dun protagonista disposto a calquera cousa. Un espazo de diáfanas referencias kafkianas -a falta de intimidade, ese ambiente de pesadelo, de progresiva incertidume, a reiterada contaminación acúsica, a falla de luz, a atmosfera abafante- configúrase inexcusablemente como un precedente do seu Males de cabeza (2001) […].

     Silencio, por último, pasou con certa discreción, aínda que algunhas voces reivindicaron os seus valores, no panorama da narrativa galega de mediados dos noventa. Para min, é esta unha novela que, transcorrido algún tempo desde a súa publicación na primeira edición, gaña en viveza, atractivo e orixinalidade. Unha peza na que o autor segue ese ronsel extraordinario que autores como Poe, Kafka, Ferrín, Mourullo e mesmo Auster nos deixaron, facéndose acompañar dun innegable pouso de orixinalidade.

Fragmentos de «Silencio de Fran Alonso. Reescribir a vida».

Ramón Nicolás