«Ninguén» pode lerse en formato dixital, para Apple ou Amazon

 

Desde hai xa varias semanas, a novela Ninguén é a primeira obra de Fran Alonso que pode ser adquirida como libro electrónico en diversos formatos e con carácter comercial, tanto en Amazon (9,95 euros) como en Apple para ipad (9,99 euros), así como en epub para readers (9,95 euros desde Todoebook). Ninguén aborda, precisamente, os actuais xeitos de relación entre as persoas nas sociedades urbanas e o modo en que a tecnoloxía e a cidade inflúen para mudar os medios que empregamos para comunicarnos. O libro está centrado na convivencia entre os veciños dun edificio, pero tamén no uso da tecnoloxía como paradigma das formas de relación. Desde o teléfono móbil ata o contacto persoal a través das redes sociais, Ninguén explora esa nova condición que hoxe nos define aos cidadáns das comunidades contemporáneas, vencelladas, entre outras cousas, ao individualismo, á máquina, á soidade e ao ruído.