Moita acción, cine e reflexión sobre a desestruturación familiar en «A punta de pistola», de Fran Alonso. Crítica de Laura Blanco Casás

Laura Blanco Casás publicou nas páxinas do «Faro da Cultura», de Faro de Vigo, o xoves 22 de novembro, unha recensión crítica sobre sobre A punta de pistola, Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia.

 A punta de pistola

Con ritmo enérxio

Acción, cinema e reflexión

Xerais vén de publicar o XII Premio de Novela por Entregas La Voz de Galicia. Leva por título A punta de pistola e o seu autor é o escritor, xornalista e editor Fran Alonso (Vigo, 1963). Xa afeito a obter galardóns importantes no eido da literatura (o Blanco Amor, o Losada Diéguez…), Alonso decántase, desta vez, pola historia de dous personaxes marxinais que levan ao lector a reflexionar sobre a desestruturación que afecta a tantas familias na actualidade.A punta de pistola

A novela ten 31 capítulos breves de exacta extensión. Neles nárrase a fuxida do Varas e Rica, unha parella que se adica ao furtivismo e ao tráfico de estupefacientes a pequena escala, con moitos problemas e cunha vida insá, que non soporta ter aos seus fillos, Pixie e Dixie, baixo a tutela dos servizos sociais. Nun comezo trepidante in media res, os pequenos son secuestrados a punta de pistola polos seus proxenitores, comezando unha axitada fuxida por Vigo e arredores que non se detén até as últimas liñas da obra.
O relato principal alterna, porén, con esoutro dunha camioneira culta, emprendedora e blogueira, grande admiradora da fisterrá Celia Rivas, a primeira muller en conducir un camión en España (1932). Sorprendente resulta, desde logo, o momento en que as dúas tramas se entrecruzan.
O ritmo enérxico fai que o lector se enganche dende o primeiro momento a unha historia con retallos cinematográficos; con todo, o realmente importante vén ser a reflexión que o texto -baseado en feitos reais- suscita arredor da marxinalidade e mais sobre a desestruturación familiar (ao cabo, os pequenos son vítimas de carencias educacionais que obrigan a actuar aos servizos sociais).