María Solar: «Contos nerviosos é un libro delicioso e diferente»

Presentacion Cnerviosos

«Contos nerviosos é un libro delicioso e diferente», manifestou a escritora e xornalista da TVG María Solar o pasado 6 de maio durante a presentación en Compostela de Contos nerviosos, de Fran Alonso, no marco da Feira do Libro. Casualmente, a escritora tamén publicaba unha novidade eses días: a novela As horas roubadas, que edita Xerais en galego e Grijalbo en castelán. Ademais de María Solar, na presentación participou tamén o editor de Embora, Miguel Toval. Entre o público atopábase o ilustrador do libro, Dani Padrón. A fotografía do acto é de Carlos Labraña.

Reproducimos a continuación o texto da intervención de María Solar.

 

Contos-nerviosos-pequenaQuero agradecervos a todos a vosa asitencia, e por suposto a Grazas a Fran Alonso o convite a presentarlle o libro.

Fran Alonso é un referente neste país na literatura infantil e xuvenil. En narrativa e en poesía. No seu currículo como escritor figura a publicación de máis de 25 títulos e concedéronselle premios como o Blanco Amor de Novela, o Losada Diéguez á mellor obra literaria de 1998, o Rañolas de Literatura Infantil e Xuvenil ao mellor libro do ano, a distinción White Ravens da Biblioteca Internacional de Múnich, o Premio Neira Vilas ao mellor libro infantil e xuvnil do ano…e outros máis como o premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia, pero máis alá dos premios, o que teñen feito algún dos seus libros pola literatura infantil e xuvenil deixou pouso para todos os escritores que empezamos despois ca el.

 Fran rompeu barreiras e moldes. Fixo libros singulares e diferentes, literatura moderna destinada a nenos intelixentes aos que tratou como tal.

Fixo bestsellers de poesía. Vouno repetir, bestsellers de poesía, e de poesía infantil. Entendeu perfectamente ao seu público e o público a el. É un escritor con maiúsculas a quen admiro.

Por iso é unha honra para min que me pedira que hoxe o acompañara.

E paso xa por alto o seu imprescindible labor como editor en Xerais, e como xornalista.

Cando Fran me chamou para vir hoxe aquí, estaba a piques de sair para a Feira do libro de Buenos Aires da que cheguei este luns. Non tiña ainda o libro, e envioume un pdf impreso que eu lin entre aeroportos e avións transoceánicos un par de veces. 5 horas de espera en Madrid e 13 horas de voo a Buanos Aires… nunca tiven lectura de máis altos voos. Literalmente falando.

Teño que agracederche, Fran o entretemento e diversion que me proporcionaches nesta viaxe que me era ben desacougante porque a min voar non me gusta, por moito que o faga.

Así que coñecin o texto téndoo por única compaña o que me permitiu centrarme ben nel, e coñecino ademáis, espido e sen adubios, sen edicións, tamaños de letra, formatos….era un simple pdf impreso en folios, co que era a literatura en esencia.

Non me sorprendeu que Fran me sorprendera.

Era o que esperaba. Algo diferente. Como así foi.

O primeiro que me entusiasmou foi o título “Contos nerviosos”.

Dese título agardaba non unha novela, senon varios relatos, relatos desacougantes, nerviosos.

Foi tamén o que atopei. Comecei ler, na primeira volta, diante da porta B50 no aeroporto Adolfo Suarez Madrid Barajas unhas tres horas antes de que saíra do voo de Air Europa Madrid Buenos Aires… A estampa típica aeroportuaria: xente durmindo, tirada en incómodos asentos corridos, maletas, bolsos de mans grandes como mundos que facían sospeitar empurróns e dificultades para meter todo aquel equipaxe de man nos compartimentos superiores. E alí estaba eu tamén ocupando dous asentos na sala de espera, un comigo mesma e outro cunha mochila que pesaba mundos e ía chea de libros. Rara que é unha. Extendin os meus folios do libro que non era un libro, baixo a atenta mirada dunha curiosa uruguaia veciña. Curiosa na acepción máis castelán de “interesada”, de querer saber”, non na acepción galega de “facer ben as cousas” como os pintores que en Galicia son curiosos e é bo. E alí comecei abstraerme nun mundo que de contado me cativou.

Nada me gusta máis que a fantasía, que me sorprendan creando mundos novos absolutamente imaxinarios e un tanto absurdos pero que o escritor consegue que parezan reais. Iso foi o que pasou.

Entrei de primeiras no Caso de Amelio: un neno ao que molestaba o ruído. Un rapaz de cidade entre motos, coches, ambulancias, persoas, máquinas de obras, sereas de bombeiros, xente, e ata o móbil de sua nai que tamén lle molestaba. Sen dúbida a cidade non é bo lugar para un alérxico ao ruído. Un alérxico ao ruído nun mundo onde o que frecuentaban eran os alérxicos ao silencio, pero Amelio era alérxico ao ruído. Fran vainos metendo no estraño problema do neno, e no absurdo remedio que o médico lle propón. Mergullándonos no desacougante absurdo, e na aínda máis desacougante solución que lle dan e que crea un novo problema trala súa cura.

Un mundo estraño, fantástico, algo absurdo, pero ben crible que tamén nos leva á reflexión. A pensar neste mundo noso que nos tocou vivir.

Tras Amelio, entrei, alí no aeroporto, no mundo aínda máis estraño, máis desacougante, e máis fascinante do conto titulado “Sabemos quen es” Teño que dicir que é o meu favorito, paréceme maxistral, e unha idea fabulosa, que me da boa rabia que non se me tivera ocorrido a min. Eu propóñolle xa a Fran que escriba un spin off desde esa personaxe deliciosa, unha novela completa sobre o seu mundo. É unha personaxe anónima que está a vivir unha serie de acontecentos raros, difíciles de explicar que ben parecen unha persecución. Unha personaxe perseguida polo medo, aínda que non sabe a que llo ten; que recibe mensaxes continuas e por diversos métodos “Sabemos quen es”; que sobe ao ascensor e desaparece o seu piso… e cando xa todo parece que non ten pés nin cabeza, Fran Alonso, resolve quen é esta persoa cun fascinante desenlace, e unha fermosisima figura literaria chea de imaxinación e de posibilidades. E non vos podo contar máis ou destrozariavos a lectura, pero repito, que é brillante e sorprendente. Unha figura tenra que está a agardar o seu destino.

Esta relina alí, fascinada. E despois fun mirar a pantalla porque quedara soa, e borrárase o destino Buenos Aires da pantalla. Así que comprobei noutra pantalla, máis ou menos próxima, que non era vítima eu tamén dun conto nervioso senón que cambiaran a porta. Trasladeime á B54 onde non puiden seguir lendo porque habia tanta xente que quedei de pé.

Seguin máis tarde despois de embarcar, e de pasar o “momento nervioso” do despegue, tras cear e quedar o avión en certa tranquilidade. Aí a uns 11.000 m de altura empecei co terceiro conto nervioso: Café tropical…

A 11.000 m sobre o nivel do mar metinme nese café tan particular e estraño, que asemella un xardin botánico, con clientes e camareiros tamén particulares e unha máquina onde podes vingarte dos problemas do día e da xente que che cae mal... Alíe reaparecen, para desacougarnos ainda máis, personaxes que xa coñeciamos dos outros contos: a personaxe sen nome nin vida, o velliño do pais dos soños porque só alí pode vivir sen nada, incluso aparece un lugar común: Cabrafanada (igual que o blog de Fran que vos recomendo ler)… e o lector non pode parar de ler… a ver que conexión ten todo aquelo e que misterio garda aquel lugar..e dou fe de que o ten… pero non o vou desvelar, ou como antes, destrozaríavos a lectura. Daquela, cando xa estaba chegando ao desenlace, apagáronme a luz. E para disgusto da miña veciña descoñecida, de orixe israelí e que só falaba israelita pero ben se entendía que quería durmir, prendín a miña luz para seguir lendo. Pídolle disculpas a Esther, que así se chamaba.

Entrei xa no último conto, serian as tres da mañá: O meu aniversario. Un conto un pouco diferente aos demais, pero co mesmos compoñentes de mundos levados ao extremo. Neste caso a figura dunha nena que o ten todo, manipuladora de pais e amigos, caprichosa ao extremo…non é unha figura allea ao mundo actual…pero Fran lévaa ao extremo ata converterse, tamén ella, nunha personaxe incómoda e desacougante a quen ninguen se querería parecer… do que lle acontece… non vos contarei ou podería destrozarvos a lectura. Porque como todos os demáis contos os desenlaces son inesperados e brillantes.

Rematei de ler, nalgún lugar sobre o Atlántico, e tiven a sensación de que estaba diante dun libro marabilloso.

Non agardaba menos. A sensación de que Fran o volvera conseguir, que de novo era diferente e innovador. Xa abordara as tolemias e ansiedades so mundo urbano en obras como Silencio, pero desde outra perspectiva.

Sentía a evidencia de que de novo, Fran, trataba aos nenos de frente, confiando na sua intelixencia, non é un libro para ñoños, é para nenos de hoxe, somerxidos en mundos audiovisuais, intelixentes, capaces de pensar e sacar as súas propias conclusións.

 

E rematei tamén coa impresión de que non é un libro para nenos, pola contra é un libro, tamén, para nenos. E lembroume a anécdota dunha coñecida editora, coa que tiven a sorte de traballar Michi Straulfeld, da editorial Siruela que cando hai 25 anos creou a colección Las tres edades, onde hai obras como: El mundo de Sofia, Kafka y la muñeca viajera, Caperucita en manhattan… atopouse co sentimento de ofensa que lle mostraron os escritores famosos aos que lles propuxo escribir para nenos. Ela non entendía que consideraran ofensivo escribir para nenos, pero propúxolles algo novo, diferente, un reto: “¿qué vos parecería, logo, facer algo moito máis complicado que o que facedes actualmente, escribir libros para público de 8 a 88 anos?” Así naceu esta colección das grandes da literatura española.

En definitiva: Fran Alonso fixo un libro de relatos delicioso e diferente, para público intelixente de 8 a 88 anos, e ao que lle auguro e desexo longa vida. Parabéns por el Fran, e grazas de novo polo honor de acompañarte nesta presentacion.

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CAPTCHA Image

*