Magnífica proposta literaria que convida a xogar, a observar, a crear, a soñar: «Poemas birollos para ler cos ollos», de Fran Alonso. Recensión de Alba Piñeiro

Interiores4

Alba Piñeiro publicou no blog Versos e Aloumiños unha recensión sobre o libro de poesía infantil Poemas birollos para ler cos ollos, de Fran Alonso, ilustrado e deseñado polo propio autor.

 

 

«Poemas birollos para ler cos ollos», de Fran Alonso

Edicións Xerais achégalles aos lectores infantís este suxestivo e atraente poemario da man de Fran Alonso. Autor recoñecido no eido da nosa LIX tanto pola súa obra poética coma narrativa, na que sempre amosa diferentes vías de transmitir e compartir a forza da palabra e o gran poder que conleva o seu uso.
     Desta volta, Fran Alonso non só é o autor do texto senón tamén das ilustracións e do deseño do libro. O resultado non podía ser outro que esta magnífica proposta literaria que convida a xogar, a interpretar, a observar, a crear e recrear, a soñar…
Trátase dun conxunto de poemas que beben da tradición oral (cancións e xogos infantís da nosa e doutras culturas) e da poesía visual a través da especial disposición tipográfica dos versos, da combinación das cores con carácter simbólico, da mestura de imaxes reais (fotografía) con debuxos (onde destaca a presenza do gato poeta coma unha chiscadela ao lector) dentro dos cadros poéticos que se crean. Tecéndose deste xeito uns poemas-imaxes moi evocadores que dan lugar a diferentes interpretacións e que espertan a imaxinación do lector que se deixa envolver polas sensacións sonoras e visuais.

     Toda unha invitación a xogar coas letras, coas palabras, cos versos con rima e sen ela, cos sons e coas onomatopeas adubadas con humor. Invitación que ten a súa continuidade na creación dun videoxogo específico do libro para que os nenos sigan familiarizándose coa palabra poética.

Alba Piñeiro

c

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

CAPTCHA Image

*